Ir o contido principal

Ditame 37/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2023

I. ANTECEDENTES

O día 17 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “o emprendemento é un factor estratéxico para o crecemento e o desenvolvemento económico dunha sociedade, sobre todo se é participativo, sostible e asume a responsabilidade empresarial na súa estratexia.

O emprego autónomo supón unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais, emprendedoras e empresarias que opten polo desempeño da súa actividade laboral por conta propia, contribuíndo de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.

A opción de calquera persoa que desexe poñer en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración Pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaina”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2022 (publicado no DOG o día 30 de decembro de 2021) e o ditame emitido polo Consello con data 11 de novembro de 2021 (Ditame 47/2021), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:

Obsérvase un incremento no orzamento previsto para estas axudas de 500.000€ respecto da contía prevista na orde anterior (artigo 5).

A axuda que prevía o artigo 7 para o exercicio anterior fixaba un límite do 80% da actividade subvencionada e, en todo caso, unha contía máxima de 3.000€.

Este novo proxecto mantén esa contía máxima, pero xa non establece esa limitación porcentual.

Este mesmo precepto recolle, na nova convocatoria, unha soa liña de axuda, de xeito que se elimina a primeira das liñas previstas na anterior orde que permitía subvencionar determinado servizos (plan estratéxico de negocio, plan de márketing, entre outros).

O prazo de presentación das solicitudes, segundo o artigo 9, remata o 30 de setembro de 2023. Na orde anterior fixábase nun mes.

Suprímese a regulación contida na orde anterior respecto dos pagamento anticipado da subvención.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 1 de decembro de 2022 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

DITAME 37/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2023”, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de novembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Este Comité observa varios erros ao longo do texto, por exemplo, un erro na contía orzamentaria no artigo 5, onde en lugar de 8.000.000 figuran 8.00.000. No artigo 7, cómpre eliminar o termo “DUDA”, que figura no apartado 3.

Ademais, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo exixe ás persoas traballadoras autónomas unha serie de requisitos para poder ser beneficiarias das axudas desta orde, entre eles, o de ter unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.

Este Comité segue a considerar que o dito prazo é excesivo, especialmente tendo en conta o contexto socio económico actual, polo que propón que se reduza en atención á tipoloxía da axuda que se regula e ás persoas destinatarias dela, co obxecto de dotar de maior alcance esta medida e que con independencia de que, administrativamente, se adscriba á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade de Galicia.

Segunda. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
Ao longo do texto obsérvase como, en ocasións, se fai referencia ás persoas beneficiarias (por exemplo, neste artigo 6) mentres que, noutro artigos, se fala de entidades beneficiarias (artigo 14 e 19).

Este Comité entende que se debería facer referencia, en todo caso, a persoas autónomas.

Terceira. – Artigo 7.Subvención do bono das persoas autónomas.
Segundo este artigo, esta axuda permite subvencionar investimentos como a reforma do local do negocio.

Porén, a continuación defínese esa reforma como obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en simples reparacións, decoracións ou ornatos que non modifican a estrutura construtiva do local.

Este Comité considera que debería haber concordancia entre o título do concepto e o contido da definición, xa que neste caso estase a falar de reformas de instalacións mentres que na definición se fai referencia a obras de escasa entidade ou á decoración, polo que se propón que a definición recolla a posibilidade expresa de obras de máis calado propias dunha reforma.

Cuarta.- Artigo 16. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste precepto fixa en tres meses o prazo para resolver as solicitudes e notificar a resolución.
Este Comité considera que este prazo é excesivo pola natureza destas axudas e ao tratarse dun procedemento sen concorrencia competitiva, polo que propón que se reduza sensiblemente.

Quinta.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 7 deste precepto non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter algunha débeda pendente de pagamento, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

O mesmo se observa respecto do previsto nos artigos 19.e) e 21.2.

Número ditame
37