- ANTECEDENTES
O día 30 de marzo de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2022.Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “estas axudas están destinadas a poñer remedio a unha grave perturbación na economía galega provocada pola COVID-19 en termos de emprego e de actividade económica e que están destinadas a facilitar o desenvolvemento desta actividade económica mediante fórmulas de economía social, máis sustentables no tempo, ao abeiro das excepcións do artigo 107, apartado 3, letra b) e c) do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE)”.
Engade que “cómpre salientar que as empresas de economía social, polos principios e valores que as sustentan, poden constituír unha alternativa viable para aquelas empresas mercantís que non teñen remuda xeracional; para a unión de persoas autónomas que precisen dunha maior seguridade, fortaleza e solvencia que acadarán cunha destas fórmulas de economía social; así como para as persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade da empresa para a que traballan a través dunha cooperativa ou sociedade laboral”.
Segundo o artigo 5, poderanseacoller a estas axudas as sociedades laborais ou cooperativas que xurdan dalgún dos procesos seguintes: Constitución por ausencia de remuda xeracional, constitución por persoas autónomas e constitución por transformación.
O artigo 6 establece once conceptos subvencionables:
- Asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral así como para a transformación nunha destas entidades de economía social. Os gastos de rexistro, notaría e os informes legalmente preceptivos para o proceso de transformación. 2. Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade; 3. Obtención de certificacións de calidade; 4. Márketing, comunicación ou relanzamento comercial; 5. Plan de protección de datos; 6. Equipamento informático; 7. Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web; 8. Mellora na eficiencia enerxética; 9. Adquisición de equipamento; 10. Reforma do local de negocio; 11. Mobiliario
O artigo 7 establece que a contía da axuda será o equivalente ao 80% do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:
- 6.000 € para o gastos incluído no concepto 1 do artigo 6.
- 3.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 2, 3, 4 e 5 do artigo 6.
O límite máximo das axudas para os gastos subvencionables especificados no artigo 6 establécese en 50.000 € por entidade beneficiaria.
O artigo 20 prevé pagamentos anticipados da subvención concedida de ata o 90% do importe, que se realizará de oficio unha vez aceptada a subvención pola entidade beneficiaria.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2022 (artigo 28) e o prazo para resolver e notificar fíxase en tres meses dende a presentación da solicitude (artigo 16).
En canto ao financiamento, o artigo 31 fixa o orzamento asignado a estas axudas en 1.570.000€.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2021, publicada no DOG o día 18 de agosto de 2021 e o ditame emitido polo Consello con data 12 de xullo de 2021 (ditame 31/2021), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha consideración unánime de carácter xeral, seis consideración específicas de carácter unánime e unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organización sindicais.
Por outro lado sinalar, que a consideración oitava específica de carácter unánime e a consideración xeral primeira de carácter non unánime manifestada pola CEG, segundo a resposta recibida, teranse en conta en vindeiras convocatorias.
Aínda que existe un proxecto anterior, ditamínase como un proxecto novo por haber cambios substanciais no mesmo.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2022”consta de: Exposición de motivos, trinta e un artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.
O día 6 de abril de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
|
DITAME 8/2022
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2022, da Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade,con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de marzo de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de abril de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAISQUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira
Segundo observa o comité de ditames, cambia o título e o espírito da orde co respecto á anterior, pero non cambia a exposición de motivos.
Neste sentido, o comité entende que debería evitarse a referencia o contexto COVID, pois a situación en variado aparecendo novas circunstancias na conxuntura económica, e a referencia á liña adquisición de activos, que se eliminou nesta convocatoria.
Segunda
Entendendo que a economía social está chamada a xogar un importante papel en época de crise, este Comité considera que non hai correlación entre os recursos destinados a este sector a través de diversas ordes de axudas e os destinados a outros sectores e empresas, así como ás súas persoas traballadoras, nunha situación socio-económica como a actual.
Terceira.
Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 8, impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Pola súa banda, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias e condiciones para a obtención do incentivo.
O artigo 5.1 a), b) e c) establece as entidades que poden acollerse ás subvencións, que se constitúan por ausencia de remuda xeracional, por persoas autónomas e por transformación.
O comité suxire que se engada unha letra d) ao apartado 1 deste artigo para ampliar a condición de beneficiarios a aquelas entidades constituídas por persoas físicas non incluídas nos apartados anteriores.
Segunda.- Artigo 6. Conceptos subvencionables.
O comité suxire que se incorporen como conceptos subvencionables a adquisición de activos, a profesionalización e desenvolvemento estratéxico e os gastos correntes.
Terceira.- Artigo 7. Contía das axudas.
O artigo 7.1 establece 1 que contía da axuda será equivalente ao 80% do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:
- 6.000 € para o gastos incluído no concepto 1 do artigo 6.
- 3.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 2, 3, 4 e 5 do artigo 6.
O comité estima que é necesario aclarar como se aplicarían os límites aos conceptos non contemplados no artigo 7.1.
Cuarta.- Artigo 13. Comprobación de datos.
No artigo 13.1 establécense que se consultarán automaticamente determinados datos en poder das Administracións Públicas. Entre estes datos, na letra l), inclúese “informe dos períodos de inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego das persoas socias da entidade solicitante”.
Este comité estima que a letra l) referida debería eliminarse do texto pois a orde inclúe como beneficiarias das axudas a entidades xa creadas, e non novas.
Quinta.- Artigo 20. Pagamentos anticipados.
Este artigo prevé o pagamento de ata o 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención.
Este Comité valora positivamente o anticipo para as entidades de economía social e suxire que, na liña de continuar co apoio ao terceiro sector ó que fai referencia a Exposición de Motivos deste proxecto normativo, esa regulación dos anticipos que recolle este artigo sexa común a todas as persoas e entidades beneficiarias das ordes de axudas que tramita a Consellería de Emprego e Igualdade.
Sexta.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.
O apartado 1.c deste artigo recolle, entre a documentación xustificativa dos gastos realizados, fotografías dos investimentos, se é o caso.
Este Comité considera que se debería substituír a expresión “se é o caso” por “se fora posible”, xa que no suposto de que se estea subvencionando proxectos que levan tempo xa funcionando, pode ser difícil aportar fotografías de investimentos feitos hai tempo.
Sétima.- Artigo 28. Prazo de presentación de solicitudes.
O apartado 1 deste artigo o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
Tendo en conta a data na que este proxecto está a ser tramitado, así como a previsión da data de publicación no DOG, este Comité considera que estamos ante un prazo demasiado curto que debería ser ampliado.
En consecuencia, procedería tamén ampliar os prazos previstos nos artigos 29 e 30 relativos aos prazos de execución e de xustificación, respectivamente.