Ir o contido principal

Ditame 47/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e a contratación de persoal de apoio, e se convocan para o ano 2023.

I. ANTECEDENTES
O día 7 de decembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e a contratación de persoal de apoio, e se convocan para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “o traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no cal descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2022, publicada no DOG o día 2 de febreiro de 2002 e o ditame emitido polo Consello con data 29 de novembro de 2021 (ditame 56/2021), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións sobre o fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
O artigo 1 engade, dentro do obxecto da axuda, a prórroga da contratación subvencionada ao abeiro da axuda concedida na convocatoria anterior.
En canto ao financiamento (artigo 2), obsérvase unha mingua na contía do orzamento asignado a estas subvencións de 8.500€.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e a contratación de persoal de apoio, e se convocan para o ano 2022” consta de: vinte e oito artigos e dúas disposicións adicionais.

O día 14 de decembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e trece específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia (Anexo I) e unha xeral e unha específica manifestadas pola organización empresarial CEG (Anexo II).

DITAME 47/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas e a contratación de persoal de apoio, e se convocan para o ano 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL

Este Comité propón unha revisión do texto sometido a ditame cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva, xa que se observa o emprego do masculino xenérico (os ascendentes e os descendentes no artigo 9).
Obsérvanse, tamén, o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 7 e 23, impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Tamén hai erros de numeración por exemplo, no artigo 7.2 (onde figura un apartado a) pero non seguintes apartados) ou o artigo 26, que figura a continuación do artigo 27 e non tras o 25 como procede.
Pola súa banda, figuran dúas disposicións adicionais que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
O artigo 1 do novo proxecto establece que as entidades asociativas máis representativas de Galicia son as destinatarias das axudas aquí recollidas.

Os requisitos establecidos na norma obxecto de ditame perverten o procedemento aprobado para determinar a representatividade segundo recolle o Decreto 147/2011 onde, por exemplo, se esixe unha sede permanente nas catro provincias galegas mentres que esta orde só esixe unha soa sede de ámbito galego; polo tanto, este Comité considera que esta norma establece un procedemento ad hoc diferente ao xa establecido.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Segundo o apartado 4 deste artigo, enténdese por entidade asociativa máis representativa de Galicia de persoas traballadoras autónomas de carácter intersectorial aquela que conte con membros en, polo menos, dous sectores económicos entre os da agricultura, industria, construción e servizos.

Este Comité bota en falta nesa relación o sector da pesca, que constitúe unha parte moi relevante do sector primario de especial incidencia en Galicia, polo que se propón que a referencia se faga aos sectores económicos da agricultura e da pesca, industria, construción e servizos.
Terceira.- Artigo 7. Gastos subvencionables.
O apartado 2 regula a liña II de axudas, que segundo este apartado incentiva a contratación laboral ou prórroga da contratación.

Este Comité entende que debe clarificarse o redactado xa que non encaixa coa norma normativa en materia laboral que limita moito os supostos en que podería proceder a prórroga e, ademais, procede incluír como subvencionable o mantemento da contratación.

Cuarta.- Artigo 12. Documentación complementaria.
O apartado 1.g) esixe achegar, xunto coa solicitude, o libro de rexistro das persoas asociadas á entidade e das que o son a través de entidades asociadas, debidamente actualizado ao ano corrente.

Tendo en conta que difundir ou entregar eses libros pode supoñer unha vulneración da protección de datos persoais, este Comité propón que este requisito se substitúa pola achega dunha certificación do número de persoas socias coa que conta a entidade.

Quinta.- Artigo 18. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No artigo 12.1.b) do proxecto normativo esíxese que a entidade presente unha memoria dos servizos prestados as súas persoas asociadas.

Este Comité propón que se engada como criterio de valoración, no artigo 18, as actividades realizadas no exercicio anterior e servizos que prestan as súas persoas asociadas e se lle outorguen ata 15 puntos.

Sexta.- Artigo 18. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
O apartado 1.f) valora con ata 7 puntos o orzamento de ingresos e gastos do exercicio 2022, entendo que a referencia ao ano é errónea e que se refire ao ano 2023.

Este Comité considera que non se debería valorar un orzamento futurible, xa que é soamente unha previsión de gastos e ingresos de carácter subxectiva. Polo tanto, propón que se substitúa polas últimas contas anuais executadas como indicador da actividade real, xa que son un indicador obxectivo da actividade da entidade, en coherencia co recollido na Memoria explicativa da Secretaría Xeral de Emprego relativa ao ditame 32/2019, emitido sobre o mesmo proxecto para o exercicio 2020, respecto da súa consideración sexta.

Sétima.- Artigo 18. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.

Polo tanto, propón que o emprego da lingua galega se valore no neste artigo 18.

Oitava.- Artigo 20. Xustificación e pagamento.
Respecto da liña I de axudas, este artigo esixe presentar unha memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención.

Esa mesma memoria esíxese noutras ordes que recollen incentivos á contratación de persoal técnico.

Porén, o artigo 20 non require presentala no caso da subvención para a contratación laboral dunha persoa que realice funcións de asesoría e apoio, polo que este Comité propón que entre a documentación xustificativa desta liña se esixa unha memoria xustificativa da actividade realizada.

Novena.- Artigo 20. Xustificación e pagamento.
Respecto da xustificación das axudas da Liña II, bótase de menos documentación específica requirida para o suposto de prórroga ou mantemento da contratación, polo que se propón que se engada.

Décima.- Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado e) obriga ás entidades, para seren beneficiarias, estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Décima primeira.- Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o apartado g) obriga á entidade beneficiaria a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos e completar e aclarar o recollido no artigo 11.h) da lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Décima segunda.- Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

Este Comité considera que deberían figurar expresamente no texto do artigo as medidas que deben adoptar as entidades beneficiarias adecuándose ao obxecto subvencionado, conforme ao recollido no artigo 20 do RD 11/2009, que aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no que se desenvolve o artigo 15 da dita Lei en relación coas medidas de publicidade.

Décima terceira.- Artigo 26. Seguimento e control.
O apartado 3 esixe presentar unha serie de documentación dentro do mes seguinte á finalización da última mensualidade subvencionada incluíndo, no subapartado a), unha memoria final que recolla a práctica profesional adquirida e a perspectiva de inserción laboral.
Tendo en conta que a inserción laboral non figura como un dos obxectivos ou finalidades desta orde de axudas nin se prevé como criterio baremable para conceder a condición de beneficiaria, este Comité considera debería eliminarse esta esixencia do contido da memoria que debe presentarse. 
ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son dunha excesiva flexibilidade conceptual e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acouten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións de cooperativas.

As organizacións sindicais seguen a considerar esaxerado o importe do orzamento destinado a este programa.

Consideración específica.-

Primeira.- Artigo 7. Gastos subvencionables.
O apartado b deste precepto inclúe, na letra h) entre os gastos subvencionables, as cotas pola pertenza a organizacións autonómicas ou estatais.

Este Comité considera que non se debería subvencionar con medios autonómicos a pertenza a organizacións estatais, polo que propón suprimir esa posibilidade.

Segunda.- Artigo 9. Contía das subvencións.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.

Terceira.- Artigo 18. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
En relación coa consideración específica unánime sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego no A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral

Independentemente do establecido no artigo 21 onde se regulan os pagamentos a conta,
a CEG propón que se habilite neste proxecto de orde a posibilidade de anticipar fondos previos a incorrer en gasto algún.

Consideración específica:

Artigo 7. Gastos subvencionables.
No apartado b, letra i), establécese que a contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nas actividades relacionadas nos citados apartados, non poderá superar o 50% do seu custo.

A CEG considera que debería manterse a porcentaxe do 70% que figuraba en convocatorias anteriores a fin de cubrir os custos que no marco do programa se realizan.

Número ditame
47