Ir o contido principal

Ditame 37/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2021 e 2022.
  1. ANTECEDENTES

O día 15 de setembro de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2021 e 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A exposición de motivos recorda que “a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema. O seu artigo 6 establece que a concesión directa de subvencións aplicarase ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas”.

Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Emprego e Igualdade en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego financiada pola dita consellería, coa excepción da formación incluída en programas integrados de emprego e obradoiros de emprego.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 20 de novembro de 2020 e o ditame emitido polo Consello con data 14 de outubro de 2020 (Ditame 20/2020), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha das consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Ademais das bolsas de asistencia para persoas cunha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 33% e para as persoas que participen nunha acción formativa solicitada dende o seu IPE, este proxecto tamén prevé bolsas destinadas a persoas que formen parte dunha familia monoparental ou numerosa, especificando que son excluíntes entre si (artigo 4).

En canto ás axudas de transporte público (artigo 6), na orde anterior prevíase unha contía de 1,5 € por día de asistencia, independentemente de si se trataba de trasporte público urbano ou interurbano. O novo proxecto incrementa a axuda a 7 € por día de asistencia no caso do transporte público interurbano.

O artigo 16 regula o contido da declaración responsable que forma parte da solicitude. Obsérvase a inclusión de novo contido nos apartados h) a l) do apartado 1.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

  1. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2021 e 2022”  consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións  adicionais, dúas transitorias e dúas finais.

O día 20 de setembro de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

 

DITAME 37/2021

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2021 e 2021, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de setembro de 2021, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de setembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 Primeira.

Tendo en conta a natureza das axudas e a situación das persoas beneficiarias, este Comité considera que o momento de percepción das axudas é fundamental para atender ao seu obxectivo, que entendemos que é posibilitar a participación das persoas desempregadas nas accións de formación e polo tanto mellorar a súa empregabilidade. En consecuencia, este Comité considera que a resolución e pago das axudas ás persoas beneficiarias debe facerse coa máxima celeridade.

Segunda.

No texto do proxecto de orde sometido a ditame figura no artigo 14 o establecemento dunha obriga de colaboración para as entidades, centros e empresas que reciban fondos públicos para o desenvolvemento das accións de formación.

Este Comité entende que se está a esixir a asunción dunha responsabilidade que excede das funcións das entidades e que, ademais, non se vería compensada. Por isto, propón que se elimine ese artigo 14 ou, subsidiariamente, se estableza esa colaboración como voluntaria e, en todo caso, se suprima o seu apartado 3, tal e como establece o artigo 23.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, onde se establece que “as entidades beneficiarias colaborarán na xestión destas bolsas e axudas nos termos que establezan as convocatorias”.

Terceira.

Este Comité insiste en que debe facilite a folla de datos estatísticos da execución provisional correspondente ao exercicio anterior, que debe acompañar ao proxecto de orde e non achegarse ao informe que se remite posteriormente en resposta ao ditame emitido, na que deben recollerse os seguintes datos:

 

-           Número de solicitudes presentadas

-           Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes

-           Número de solicitudes resoltas favorablemente

-           Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente

 

Cuarta.

Segundo o artigo 9.2 “para aquelas subvencións en concepto de bolsas e axudas nas que se establezan límites de rendas da unidade familiar ou de convivencia para a súa percepción, quedando excluídos do cómputo das rendas os ingresos da persoa agresora”. Este Comité considera que o correcto sería establecer que “para aquelas subvencións en concepto de bolsas e axudas nas que se establezan límites de rendas da unidade familiar ou de convivencia para a súa percepción, quedarán excluídos do cómputo das rendas os ingresos da persoa agresora”.

Por outra banda, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha.

Proponse o mesmo respecto das disposicións finais.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 10. Cálculo das rendas.

En relación co disposto no apartado 1, no relativo ao cálculo das rendas, ao dispoñer que “Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias”, este Comité considera necesario clarificar o alcance da expresión “os ingresos brutos do mes anterior”.

 Segunda.- Artigo 10. Cálculo das rendas.

No último parágrafo do apartado 2 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.

Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á súa perda.

Terceira.- Artigo 14. Obriga de colaboración.

Este Comité propón que, de acordo coa consideración xeral segunda, se suprima o apartado 3 da redacción desta orde.

 Cuarta.- Artigo 20. Prazo de presentación das solicitudes.

En relación co suposto de presentación da solicitude fora de prazo, previsto no apartado 2 deste artigo, este Comité considera que non debería comportar a súa inadmisión, senón soamente  que se lle reduzan os días transcorridos fóra do prazo.

Quinta.- Artigo 16. Declaración responsable que forma parte da solicitude.

Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 1.f) deste proxecto normativo, tal e como establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 10.2, obriga a cumprir os requisitos establecidos “salvo que, pola propia natureza da subvención, se exceptúe pola súa normativa reguladora”.

Sexta.- Artigo 17. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

O apartado 3 deste artigo establece que, respecto das imaxes electrónicas achegadas como parte da documentación complementaria, a persoa interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos dende a presentación da imaxe electrónica.

Á vista do previsto no artigo 23, que obriga a conservar durante un prazo de catro anos a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos por parte das persoas beneficiarias, este Comité considera que se deberían harmonizar os prazos previstos en ambos artigos e requirir, en ambos casos, un prazo de 4 anos.

Sétima.- Artigo 22. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.

No apartado 3 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses.

Este Comité considera excesivo fixar un prazo de seis meses, xa que non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos.

Oitava.- Artigo 22. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.

No apartado 3 deste artigo disponse que unha vez transcorrido o antedito prazo (de seis meses) sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

Este Comité considera que, para evitar inseguridade xurídica, a expresión “poderá entenderse” debería substituírse por “entenderase”.

Novena.- Artigo 23. Documentación complementaria probatoria.

A letra f) do apartado 1 recollen a documentación específica a presentar por quen solicite a axuda á conciliación e inclúe unha copia do libro de familia ou calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.

Este Comité considera que debería regularse o suposto das parellas de feito e determinar que documentación acreditativa ten que presentar quen se atope nesa situación.

Décima.- Artigo 23. Documentación probatoria.

En canto ao recollido no apartado 1, letras  a), b), c), d) e f) deste artigo, sobre que a renda familiar sexa inferior ao 75% do IPREM, este Comité considera que se debería especificar que se trata da renda familiar rateada individualmente, nos termos do artigo 10.3.

Décima primeira.- Artigo 25. Pagamento das bolsas e axudas.

Este Comité considera que o primeiro pagamento debería ter lugar no mes seguinte ao da comunicación da resolución da concesión, en atención á especial natureza destas axudas.

Décima segunda.- Disposición Final segunda.

Esta disposición establece que a orde entrará en vigor o día 1 de novembro de 2021.

Este Comité entende que a orde debe entrar en vigor ao día seguinte da súa publicación no DOG, polo que procede modificar a disposición neste senso.

 

 

Número ditame
37