Ir o contido principal

Ditame 30/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal ou do Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade correspondentes aos exercicios 2023 e 2024
  1. ANTECEDENTES

 

O día 7 de setembro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal ou do Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade correspondentes aos exercicios 2023 e 2024.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

A exposición de motivos recorda que “a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema. O seu artigo 6 establece que a concesión directa de subvencións aplicarase ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas”.

 

Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego financiada pola dita consellería, coa excepción da formación incluída en programas integrados de emprego, obradoiros de emprego e accións formativas financiadas con fondos procedentes do mecanismo de recuperación e resiliencia.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 28 de outubro de 2022 e o ditame emitido polo Consello con data 12 de setembro de 2022 (Ditame 24/2022), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións sobre o fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

O novo proxecto normativo non presenta modificacións de grande relevancia respecto da orde anterior, aínda que cómpre destacar o incremento experimentado no orzamento global de 800.000€ asignado a estas axudas que se fixa no artigo 2.

 

En canto á axuda por transporte en vehículo propio, o artigo 7 incrementa de 15 a 20€ a contía máxima diaria.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal ou do Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade correspondentes aos exercicios 2023 e 2024”  consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria e dúas finais.

 

 

 

O día 13 de setembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

 

 

 

 

 

 

 

DITAME 30/2023

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal ou do Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade correspondentes aos exercicios 2023 e 2024, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de setembro de 2023 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de setembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Tendo en conta a natureza das axudas e a situación das persoas beneficiarias, este Comité considera que o momento de percepción das axudas é fundamental para atender ao seu obxectivo, que entendemos que é posibilitar a participación das persoas desempregadas nas accións de formación e polo tanto mellorar a súa empregabilidade. En consecuencia, este Comité considera que a resolución e pago das axudas ás persoas beneficiarias debe facerse coa máxima celeridade.

 

Segunda.

No texto do proxecto de orde sometido a ditame figura no artigo 14 o establecemento dunha obriga de colaboración para as entidades, centros e empresas que reciban fondos públicos para o desenvolvemento das accións de formación.

 

Este Comité entende que se está a esixir a asunción dunha responsabilidade que excede das funcións das entidades e que, ademais, non se vería compensada. Por isto, propón que se elimine ese artigo 14 ou, subsidiariamente, se estableza esa colaboración como voluntaria e compensada e, en todo caso, se suprima o seu apartado 3, tal e como establece o artigo 23.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, onde se establece que “as entidades beneficiarias colaborarán na xestión destas bolsas e axudas nos termos que establezan as convocatorias”.

 

Terceira.

Este Comité insiste en que debe facilite a folla de datos estatísticos da execución provisional correspondente ao exercicio anterior, que debe acompañar ao proxecto de orde e non achegarse ao informe que se remite posteriormente en resposta ao ditame emitido, na que deben recollerse os seguintes datos:

 

-           Número de solicitudes presentadas

-           Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes

-           Número de solicitudes resoltas favorablemente

-           Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente

 

Cuarta.

Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha.

Proponse o mesmo respecto das disposicións transitorias e finais.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

 

Primeira.- Artigo 7. Axudas de transporte.

Este Comité considera que debe actualizarse a contía da axuda ao transporte en vehículo propio recollida no apartado 2, á vista do previsto na Orden HFP/793/2023, do12 de xullo, pola que se revisa o importe da indemnización por uso de vehículo particular, por entender que procede a súa aplicación por analoxía.

 

En consecuencia, procedería incrementar tamén a contía máxima diaria fixada neste apartado.

 

Segunda.- Artigo 10. Cálculo das rendas.

No último parágrafo do apartado 2 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.

 

Este Comité considera que se debería articular un mecanismo, que inclúa unha reserva de crédito, para dar así cobertura a situacións de emerxencia social sobrevidas que poidan xurdir.

 

Terceira.- Artigo 14. Obriga de colaboración.

Este Comité propón que, de acordo coa consideración xeral segunda, se suprima o apartado 3 da redacción desta orde.

 

Cuarta.- Artigo 16. Declaración responsable que forma parte da solicitude.

Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 1.f) deste proxecto normativo, tal e como establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 10.2, obriga a cumprir os requisitos establecidos “salvo que, pola propia natureza da subvención, se exceptúe pola súa normativa reguladora”.

 

 

Quinta.- Artigo 20. Prazo de presentación das solicitudes.

Este precepto fixa o prazo de presentación de solicitudes nun mes, prevendo que a presentación fóra de prazo conleve a súa inadmisión.

 

Este Comité considera que debería ampliarse o prazo establecido.

 

Sexta.- Artigo 22. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.

No apartado 3 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses.

 

Este Comité considera excesivo fixar un prazo de seis meses, xa que non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos.

 

Sétima.- Artigo 25. Pagamento das bolsas e axudas.

Este Comité considera que o primeiro pagamento debería ter lugar no mes seguinte ao da comunicación da resolución da concesión, en atención á especial natureza destas axudas.

 

Número ditame
30