I. ANTECEDENTES
O día 13 de xullo de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a Centros Especiais de Emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
O artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social define os centros especiais de emprego como aqueles cuxo obxectivo principal é realizar unha actividade produtiva de bens ou de servizos, participando regularmente nas operacións do mercado, e que teñen como finalidade asegurar un emprego remunerado para as persoas con discapacidade e a prestación de servizos de axuste persoal e social que requiran os seus traballadores e as súas traballadoras con discapacidade, ao mesmo tempo que é un medio de integración do maior número de persoas traballadoras con discapacidade ao réxime de traballo normal.
Segundo a exposición de motivos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social e na execución das políticas activas de emprego, no marco da Axenda 20 para o emprego, establece accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo, pois entende que o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración deste colectivo na economía e na sociedade nun sentido amplo.
Neste senso configúranse as axudas que recolle este proxecto de orde que terían como fin garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade a través dos tres programas que se regulan.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2018, publicada no DOG o día 4 de outubro de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 27 de xullo de 2017 (ditame 29/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Segundo o artigo 13, o procedemento de concesión das axudas non ten a consideración de concorrencia competitiva. Na orde anterior, isto era así para os programas II e III, mais o programa I si se rexía polo procedemento de concorrencia competitiva. En consecuencia, suprímese o artigo 32 que recollía os criterios de valoración das solicitudes.
Respecto do programa I cómpre sinalar que, segundo o artigo 35, o pagamento anticipado da subvención será do 90% na segunda anualidade (cando na orde anterior prevíase o 80%). Acontece o mesmo respecto do programa III (artigo 49).
No programa II obsérvase unha minoración na contía base que se asigna por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. Na orde anterior esas contías eran de 12.020 e 13.222 euros segundo o CEE fora con ánimo de lucro ou sen ánimo de lucro. As contías que prevé o actual artigo 38 son de 9.000 e 12.000 euros respectivamente.
Pola súa banda, a contía da axuda pola adaptación de postos de traballo era de 1.803 euros por cada posto adaptado en todo caso. O artigo 39 sinala agora unha contía de 2.000 euros se se trata dun CEE sen ánimo de lucro.
En canto á asistencia técnica (artigo 40), engádese a posibilidade de obter unha axuda de 3.000 euros para a realización do informe de auditoría sobre a conta xustificativa das axudas recollidas nos programas I e III.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a Centros Especiais de Emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019” consta de: cincuenta e catro artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.
O día 27 de xullo de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se transcribe a continuación, que contén tres consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións xerais e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo I) e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 29/2018
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a Centros Especiais de Emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2018-2019”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de xullo de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de xullo de 2018 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade.
Este Comité considera que se debería intensificar a diferenciación real e normativa recollida nos tres programas entre os CEE con ánimo de lucro e os CEE sen ánimo de lucro en favor destes últimos.
O impacto desta non diferenciación é moito máis significativo no artigo 50, á vista do crédito asignado aos CEE con ánimo de lucro (93%) fronte ao dos CEE sen ánimo de lucro (só o 7%).
Segunda.
No proxecto de orde que se somete a ditame mantense a eliminación das subvencións para o saneamento financeiro e para o equilibrio orzamentario no artigo 19 e, en consecuencia, elimínanse as previsións que afectaban a estas axudas nos artigos 21, 22 e 23.
Este Comité considera que deberían recuperarse estas subvencións exclusivamente para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.
Terceira.
Obsérvase no texto do proxecto normativo o emprego das barras no artigo 19 (“ditos/as traballador/as”) que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.
Por outra banda, obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación nos artigos 11 e 19, que son impropias do alfabeto galego e deberían substituírse polas que correspondan
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira. Artigo 17. Pagamento da subvención.
No apartado 2 deste precepto faise referencia erroneamente aos artigos 36, 45 e 50, xa que a referencia deber facerse aos artigos 35, 44 e 49.
Segunda. Artigo 17. Pagamento da subvención.
O apartado 6 letra a) deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a persoa ou entidade beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; e que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Terceira. Artigo 19. Obrigas xerais dos Centros Especiais de Emprego
No apartado g) deste artigo establécese a obriga das persoas ou entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”
Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos.
Cuarta. Artigo 19. Obrigas xerais dos Centros Especiais de Emprego
Este Comité propón que se engada, como unha das obrigas aquí recollidas, o cumprimento do convenio colectivo que sexa de aplicación.
Quinta Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía.
En coherencia coa consideración xeral primeira, este Comité considera que debería establecerse unha diferenciación sensible respecto da contía base recollida neste artigo en favor do CEE sen ánimo de lucro.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 38 e 39.
Sexta.- Artigo 31. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparable.
Este Comité considera que se debería modificar a redacción que figura en cursiva pola seguinte “estarán compostas por persoas profesionais técnicas con titulación de grao medio ou superior da rama social, preferiblemente con experiencia”, ao ter en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire.
Sétima. Artigo 31. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que os centros especiais de emprego que accedan a estas subvencións deberán dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional, compostas por persoas profesionais técnicas e por persoas encargadas de apoio á produción.
Este Comité considera que debería regularse con maior concreción a figura de “persoas encargadas de apoio á produción”.
Oitava. Artigo 31. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Este Comité considera que se debería aclarar a situación dos CEE que conten con menos de 15 persoas traballadoras con discapacidade aos efectos desta orde, xa que a nova redacción deste precepto parece excluílos.
Novena. Artigo 37. Funcións das unidades de apoio á actividade profesional.
No apartado d) deste artigo, establécense apoios individualizados para cada traballadora ou traballador e posto de traballo.
Este Comité considera que se debería incorporar a posibilidade de que poidan ser obxecto da subvención, no marco dos servizos de axuste de persoal e social, o persoal da categoría de intérprete da lingua de signos para atender ás persoas xordas e/ou con discapacidade auditiva, para permitir e favorecer a súa comunicación no entorno de traballo, así como o acceso e permanencia neste.
Décima. Artigo 38. Proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido.
Segundo o apartado 3 deste artigo, cada un dos centros de traballos do CEE poderá solicitar un máximo de 10 postos por convocatoria. O novo proxecto engade que os CEE cualificados como centros sen ánimo de lucro poderán solicitar ata 15.
Este Comité valora positivamente a dita ampliación, pero considera que para os CEE sen ánimo de lucro non debería existir limitación ao respecto.
Décima primeira. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.
Décima segunda. Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:
Consideracións xerais:
Primeira.
O actual marco normativo, que debera ter como finalidade a integración laboral das persoas con discapacidade, está a xerar un efecto perverso que provoca que o resultado sexa o contrario do perseguido.
Ao aplicar un tratamento idéntico aos CEE con ánimo de lucro e sen ánimo de lucro, estase a prexudicar a estes últimos que teñen un claro fin social e a favorecer aos que perseguen un fin económico.
O masivo incumprimento do convenio colectivo sectorial nos CEE con ánimo de lucro sitúa aos traballadores e traballadoras dos mesmos nunha situación de clara discriminación ou mesmo de explotación laboral nalgúns casos o que, unido ás desequilibradas axudas que reciben os CEE, motiva situacións de dumping social respecto doutras empresas que traballan nos mesmos sectores.
Por todo o exposto, as axudas recollidas neste proxecto de orde deberían limitarse aos CEE sen ánimo de lucro.
Segunda.
O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído polo Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.
Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teoricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.
Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.
A realidade amósanos a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.
Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.
Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.
Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de Emprego.
Consideracións específicas:
Primeira. Artigo 17. Pagamento da subvención.
Respecto dos anticipos recollidos neste precepto, as organizacións sindicais consideran que deberían beneficiarse deles soamente os CEE sen ánimo de lucro, igual que acontece con outras axudas.
Segunda. Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestan a súa desconformidade coa supresión na orde do exercicio 2014 do apartado que establecía que os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, que tiveran no seu cadro de persoal 5 ou menos persoas traballadoras con discapacidade, cun contrato indefinido e a xornada completa, poderían percibir unha subvención de ata o 50% dos custos da unidade de apoio á actividade profesional, polo que propoñen que se reincorpore a este proxecto normativo.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NO UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. Artigo 5. Definicións
O apartado 3 deste artigo define ás persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral.
A CEG solicita que se amplíe o concepto e a definición de persoas de difícil inserción, nos programas II e III, establecendo unha definición propia para estes programas de axudas, e determine para os programa II e III, unha diferenciación de axudas (importes) e unha ampliación da definición de “persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral”.
A CEG propón incluír o seguinte parágrafo:
“A efectos do Programa II e III considerarase persoas con discapacidade con especiais dificultades para o acceso ao mercado laboral, ademais das indicadas anteriormente, as seguintes persoas:
o Mulleres con discapacidade.
o Persoas de 45 anos ou máis con discapacidade.
o Persoas paradas de longa duración con discapacidade.
Iso é debido a que o concepto actual de persoas con discapacidade con especiais dificultades de inserción sociolaboral debe contemplar aqueles supostos nos que concorren circunstancias que dificultan o acceso ao emprego. Neste contexto teñen maiores dificultades ou barreiras para acceder ao emprego, as mulleres, as persoas de 45 anos ou máis con discapacidade, e aquelas persoas paradas de longa duración discapacitadas.
Nos programas de axudas II e III deberanse diferenciar as axudas para fomentar o apoio a colectivos con dificultades de inserción laboral que na práctica presenten barreiras de acceso ao emprego, máis aló daquelas xa actualmente definidas vinculadas principalmente a un diagnóstico e grao de discapacidade, sen atender realmente a factores tan importantes como a idade, o sexo ou o tempo en situación de inactividade laboral, que son os que se reflicten do perfil de demandantes de emprego con discapacidade.
Segunda. Artigo 17. Pagamento da subvención.
Respecto do apartado 3 deste precepto, a CEG propón que se recupere a redacción do exercicio anterior que permitía os pagos parciais. Se un CEE non solicita o adianto, non podería percibir pago algún ata a liquidación do expediente, xustificadas as dúas anualidades e ditadas as resolucións complementarias que procedan.
Terceira. Artigo 31. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
A CEG considera que se debería recuperar a redacción anterior do apartado 1 deste artigo, xa que da coa nova redacción pode deducirse que os CEE con menos de 15 persoas traballadoras con discapacidade quedan excluídos das subvencións para unidades de apoio, o que significa deixar sen esta axuda imprescindible a grande parte dos CEE.
Cuarta. Artigo 38. Proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido.
No apartado 6 deste artigo obsérvase unha mingua de 1.222 euros na contía base asignada aos CEE sen ánimo de lucro, polo que a CEG propón que se recupere a contía prevista na orde anterior para eles xa que a redución da contía desincentiva a contratación indefinida e non garda relación co incremento do custo real respecto á anualidade anterior.
Quinta. Artigo 38. Proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido.
O apartado 6.2ª sinala os casos no que poden incrementarse as contías destas axudas acumulables entre si.
En relación a “contías de axudas a proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido”, a CEG propón que se incremente un 25% a contía das axudas, como acumulable entre si, de darse a circunstancia de ser unha persoa con dificultades de inserción laboral (desde a definición ampliada que propoñemos).
Sexta. Artigo 43. Obrigas e reintegros específicos do Programa II.
Como o obxecto e esixencia da subvención é manter o posto de traballo durante 2 anos, é necesario que en supostos de despedimento improcedente, outórguese a posibilidade de substituír á persoa traballadora, pola realidade que en ocasións dáse no mercado laboral. Por tanto pódese establecer a esixencia de 24 meses de traballo efectivo. A CEG solicita permitir a substitución en supostos de despedimento improcedente, antes de ter a obriga de reintegro do 100%.
Sétima. Artigo 46. Conceptos subvencionables e contía.
A CEG propón que se recupere o texto suprimido neste novo proxecto no apartado 2 deste artigo, que prevía que no suposto de cesamento da relación laboral concederase a subvención pola liquidación que corresponda pola parte proporcional de paga extraordinaria e as vacacións non gozadas, xa que a supresión plantexada supón un importante prexuízo económico para os CEE.