Ir o contido principal

Ditame 23/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2019 a 2022).

I. ANTECEDENTES

O día 10 de xullo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2019 a 2022). Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, dentro do colectivo de persoas con discapacidade, aquelas que teñen unha discapacidade de tipo intelectual, incluídos os trastornos de desenvolvemento, presentan especiais dificultades, tanto para acadar unha formación mínima necesaria para acceder a un posto de traballo, como para a súa integración no mercado de traballo.

Por iso, considérase axeitado poñer en marcha unha iniciativa, de xeito experimental, que sirva para avaliar as posibilidades que o sistema de formación dual adaptada ás especiais necesidades deste colectivo, pode supoñer de cara á súa integración laboral na empresa ordinaria.

As axudas ao abeiro do Programa de formación dual que se regulan nesta orde, e que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, teñen como obxectivo impulsar a formación dual dirixida a persoas con discapacidade intelectual coa finalidade de obter as certificacións de profesionalidade.

É a primeira vez que este proxecto se somete a ditame.

Do seu contido destacan os seguintes puntos:

O artigo 6 deste proxecto fixa os requisitos que deben concorrer nas entidades para poderen ser beneficiarias destas axudas, mentres que o artigo 7 especifica os requisitos esixidos ás persoas destinatarias finais das ditas axudas.

Os conceptos subvencionables, relacionados no artigo 8, serán os seguintes:
a) Axuda ao custo salarial das persoas alumnas-traballadoras
b) Axuda para o persoal de apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade
c) Axuda para a actividade formativa.

Os proxectos de formación dual presentados avaliaranse, ata un máximo de 100 puntos, segundo os criterios que se recollen no artigo 19 e que se dividen en criterios referidos á entidade solicitante (cunha valoración de ata 70 puntos) e criterios referidos ao proxecto de formación dual (ata 30 puntos).

O artigo 23 permite subcontratar ata o 100% do custo da actividade formativa subvencionada.

Segundo o artigo 28, o pagamento da axuda concedida efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e poderanse realizar pagamentos anticipados.

O programa de formación dual materialízase, segundo o artigo 36, mediante contratos para a formación e a aprendizaxe coas persoas con discapacidade que cumpran as condicións sinaladas no artigo 7 deste proxecto.

O artigo 36 tamén recolle certas especialidades do contrato por tratarse de persoas con discapacidade intelectual; así, a súa duración terá que ser de tres anos e non lles é aplicable o límite de idade de 25 anos, entre outras cuestións.

O orzamento que o artigo 45 adxudica a estas axudas é dun total de 3.000.000 euros.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2019 a 2022)” consta de: corenta e nove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 22 de xullo de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexo, dúas consideracións específicas manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo).

DITAME 23/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización do Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se procede á súa convocatoria plurianual (2019 a 2022)”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de xullo de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xullo de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3. Principios de xestión.
O apartado b) deste artigo establece o principio de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Este Comité propón que se revise este apartado, xa que a eficacia debería estar ligado aos obxectivos da orde e non aos da Consellería.

Segunda.- Artigo 9. Axuda ao custo salarial das persoas alumnas-traballadoras
Segundo o apartado 3 deste precepto: “O cálculo da contía realizarase co importe do SMI establecido polo Consello de Ministros mediante Real decreto 1462/2018, do 21 de decembro polo que se fixa o Salario Mínimo Interprofesional mensual para o ano 2019”.

Tendo en conta que estamos ante unha convocatoria plurianual (2019-2022), debería preverse a actualización do SMI de xeito que se teña en conta o que estea vixente en cada momento.

Terceira.- Artigo 13. Documentación complementaria.
O apartado 1.c) require achegar, xunto coa solicitude, o proxecto de formación dual de acordo co modelo que consta no portal web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Este Comité considera que se debería ter achegado o dito modelo para sometelo a ditame.

Cuarta.- Artigo 13. Documentación complementaria.
O apartado 1.g) fai referencia a subcontratar a formación con empresas externas.

Este Comité considera que en lugar de “empresas externas” deberíase falar de “entidade debidamente acreditada na especialidade no Rexistro de centros e entidades de formación da Xunta de Galicia”, tal e como se fai no artigo 40.2.

Quinta.- Artigo 17. Instrucción e tramitación do procedemento.
No apartado 2.b) alúdese ao programa informático SIFO.

Este Comité urxe solucionar os problemas que presentan as aplicacións SIFO que, na práctica, paralizan a xestión da programación das accións reguladas nas convocatorias en que se empregan.

Sexta.- Artigo 19. Criterios de valoración.
Este Comité observa que algúns dos criterios relacionados neste artigo se avalían con ata 5 puntos e considera que debería graduarse esa puntuación, especificando como corresponde outorgar os puntos.

Sétima.- Artigo 19. Criterios de valoración.
O apartado 1.e) outorga ata 5 puntos polas actuacións previstas para a igualdade efectiva de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral.

Este Comité considera que se debería concretar esas posibles actuacións.

Oitava.- Artigo 23. A subcontratación da acción formativa.
Este Comité propón a revisión do apartado 3 deste artigo, xa que emprega o masculino xenérico que non consideramos a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva (por exemplo, “os contratistas”ou “o beneficiario”).

Novena.- Artigo 28. Pagamento da axuda concedida e perda do dereito ao cobramento.
O apartado 2 recolle a posibilidade de realizar pagamentos anticipados.

Este Comité propón que se especifique a porcentaxe de ditos pagamentos anticipados.

Décima.- Artigo 28. Pagamento da axuda concedida e perda do dereito ao cobramento.
Segundo o apartado 7, “non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Décima primeira.- Artigo 37. Actividade formativa.
O apartado 1 establece que a oferta formativa deberá ser suficiente para expedir un certificado de profesionalidade.

Este Comité considera que se debería substituír o termo “suficiente” por “adecuada”.

Décima segunda.- Artigo 38. A formación complementaria.
Este Comité considera que debería incluírse no proxecto normativo a posibilidade de acceso a cursar o módulo de competencias clave para o alumnado que non posúa unha formación mínima.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 7. Persoas destinatarias finais.
Segundo o apartado 2 deste artigo, “as persoas traballadoras con discapacidade ás que se dirixe esta orde non deben ocupar postos que quedasen vacantes como consecuencia de despedimentos declarados ou recoñecidos improcedentes”.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería engadir, así mesmo, que as persoas traballadoras con discapacidade ás que se dirixe esta orde non deben cubrir baixas por incapacidade temporal.

Segunda.- Artigo 19. Criterios de valoración.
O apartado 1.d) esixe unha taxa de estabilidade mínima dun 65% para ser puntuable.

As organizacións sindicais que integran este Comité propoñen que esa porcentaxe mínima se incremente ata o 75%.

Número ditame
23