- ANTECEDENTES
O día 22 de novembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “o emprendemento é un factor estratéxico para o crecemento e o desenvolvemento económico dunha sociedade, sobre todo se é participativo, sostible e asume a responsabilidade empresarial na súa estratexia.
O emprego autónomo supón unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais, emprendedoras e empresarias que opten polo desempeño da súa actividade laboral por conta propia, contribuíndo de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.
A opción de calquera persoa que desexe poñer en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración Pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaina”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2019 (publicado no DOG o día 2 de xullo de 2019) e o ditame emitido polo Consello con data 13 de maio de 2019 (Ditame 14/2019), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
O novo proxecto só presenta unha modificación destacable respecto do texto da orde anterior: o incremento da contía asignada á Liña II de axudas en 1.000.000 de euros (artigo 6).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 11 de decembro de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e nove específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así mesmo, como anexo, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais.
| DITAME 53/2019 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de novembro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de decembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Este Comité observa algúns erros ao longo do texto do proxecto normativo, como o emprego do masculino xenérico nesta disposición adicional (“os cidadáns”) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.
Pola súa banda, no artigo 7.2 fálase do “plan de refinanciación” cando o correcto sería “plan de refinanciamento”. Neste mesmo artigo obsérvase, ademais, unha colocación incorrecta do pronome se “”tamén poderanse subvencionar outros estudos” cando o correcto sería “tamén se poderán subvencionar outros estudos”.
Polo tanto, solicítase unha revisión do texto do proxecto.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo esixe ás persoas traballadoras autónomas unha serie de requisitos para poder ser beneficiarias das axudas desta orde, entre eles, o de ter unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional superior a tres anos e medio (42 meses).
Este Comité considera que o dito prazo é excesivo, polo que propón que se reduza en atención á tipoloxía da axuda que se regula e ás persoas destinatarias dela, co obxecto de dotar de maior alcance esta medida e que con independencia de que, administrativamente, se adscriba á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade de Galicia.
Segunda. – Artigo 7. Subvención do bono das persoas autónomas.
O apartado 3 deste artigo recolle as definicións de diferentes conceptos que, segundo este Comité, deberían figurar nun artigo propio ao comezo do texto do proxecto de orde.
Terceira. – Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación.
Este artigo fixa o prazo de presentación de solicitudes nun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde.
Este Comité entende que, ao non tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, o prazo debería permanecer aberto ata o esgotamento dos créditos asignados.
Cuarta.-Artigo 16. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste precepto fixa en tres meses o prazo para resolver as solicitudes e notificar a resolución.
Este Comité considera que este prazo é excesivo pola natureza destas axudas e ao tratarse dun procedemento sen concorrencia competitiva, polo que propón que se reduza e, en todo caso, se especifique que se trata dun prazo máximo.
Quinta.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 7 deste precepto non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter algunha débeda pendente de pagamento, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
O mesmo se observa respecto do previsto nos artigos 20.e), 22.2 e 23.e).
Sexta.- Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado g) deste artigo establece a obriga de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
Este Comité considera que se debería concretar o prazo que abrangue esta obriga.
Sétima.- Artigo 23. Exclusións.
Este Comité propón que o artigo 23 se limite a establecer que non poderán obter a condición de beneficiarias da subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia sen relacionar no texto da orde as ditas circunstancias, para non entrar en contradición cos requisitos esixidos ás persoas beneficiarias no artigo 6.
Oitava. - Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Novena. - Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega e como se observa, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.
ANEXO
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:
Artigo 6. Persoas beneficiarias.
Este precepto inclúe a posibilidade de que as sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia, poidan ser beneficiarias das axudas reguladas neste proxecto.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que esta ampliación das entidades beneficiarias desvirtúa totalmente o obxectivo da convocatoria e propoñen que se manteña a previsión que se recollía en ordes anteriores.