I. ANTECEDENTES
O día 14 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación das persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a Exposición de motivos, a Xunta está a implementar a Axenda 20 para o Emprego, co fin de impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento.
A Axenda 20 céntrase en tres retos: fomentar o emprego de calidade, reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas.
Esa sería a liña que segue este proxecto normativo, orientado cara as persoas mozas desempregadas.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 9 de abril de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 25 de febreiro de 2019 (Ditame 2/2018), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
O novo proxecto non presenta modificacións respecto do texto da Orde anterior.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación das persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.
O día 28 de outubro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.
Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: unha xeral e trece específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e nove específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 31/2019
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación das persoas mozas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de outubro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Obsérvanse o emprego do masculino xenérico (“os administradores” no artigo 6.3) que non se considera a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.
No artigo 20 faise referencia, erroneamente, ao período do 1 de outubro de 2018 ao 30 de setembro de 2019. O correcto sería falar do período do 1 de outubro de 2019 ao 30 de setemebro de 2020.
Así mesmo, obsérvase o emprego da letra j na clasificación dos artigos 5 e 6, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.
Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
As persoas contratadas baixo esta orde deben ser menores de 30 anos.
Este Comité considera que se debería incrementar a idade máxima ata os 35 anos aos seguintes colectivos:
-Persoas con discapacidade.
-Persoas que teñan recoñecida unha discapacidade laboral en grao total, absoluta ou grande invalidez.
-Persoas en situación de cronicidade (con patoloxías crónicas).
-Mulleres.
-Persoas beneficiarias de pensións non contributivas de invalidez e que non se achen nalgún dos dous primeiros casos sinalados.
-Persoas en risco de exclusión social.
Con isto búscase facilitar a incorporación ao mercado laboral a unha serie de colectivos que, nalgúns casos, acceden tardiamente ao emprego e respecto dos cales, debería terse en conta a súa situación menos vantaxosa.
En coherencia co anterior, deberían adaptarse os artigos 5 e 21 e incluír, respectivamente, as definicións dos colectivos relacionados e modificar o apartado respecto ao requisito da idade máxima.
Segunda.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
O apartado 2.b) deste precepto inclúe, como un dos tipos de axuda recollidos, o bono formación dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde.
Tendo en conta que o artigo 29.1 establece que “as empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde”, este Comité considera que se debería substituír a redacción do dito apartado 2.b) pola que segue: “b) Bono formación dirixido ás empresas que teñan a persoas traballadoras contratadas por medio desta orde”.
Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Dado que o obxectivo desta orde é fomentar o emprego, este Comité considera que deberían poder ser beneficiarias das axudas aquí recollidas as entidades con capacidade de contratar como o son as entidades sen ánimo de lucro, excluídas expresamente no apartado 2 deste artigo.
Cuarta.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O apartado 3.e) deste precepto establece que non poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
O mesmo obsérvase respecto do previsto nos artigos 15.c), 26.4 e 32.3.
Quinta.- Artigo 22. Contía dos incentivos.
Este Comité considera que se debería habilitar unha partida específica destinada a adaptar os postos de traballo ás persoas con discapacidade contratadas con cargo a esta axuda.
Sexta.- Artigo 33. Incumprimento de obrigas e reintegro.
Este Comité considera que se debería especificar no texto da orde en que casos procede o reintegro das axudas concedidas e que porcentaxe se debe reintegrar en cada un deles.
Sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das consideracións finais.
Oitava.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.
CONSIDERACIÓN XERAL:
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.
Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
Segundo o apartado 2.a) deste artigo, os incentivos previstos neste proxecto normativo poden aplicarse ás contratacións temporais cunha duración inicial mínima de doce meses.
As organizacións sindicais propoñen que se elimine a posibilidade de subvencionar a contratación temporal por medio destes incentivos xa que sería contraditorio co obxectivo de favorecer o emprego estable e de calidade que persegue este proxecto de orde.
Obsérvase o mesmo respecto do artigo 20.
Segunda.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
As organizacións sindicais cuestionan a utilización do bono de formación recollido no apartado 2.b) como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.
Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa no Capítulo III.
Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais consideran que debería recuperarse o previsto na Orde para o exercicio de 2017, a cal esixía ás entidades solicitantes das axudas contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras na data da presentación da solicitude, así como presentar unha taxa mínima de estabilidade, se ben se considera que a dita taxa mínima debería elevarse ao 75% e que este requisito se esixa respecto dos seis meses anteriores ao da solicitude.
Cuarta.- Artigo 20. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables.
Segundo este artigo, os incentivos previstos neste proxecto normativo poden aplicarse ás contratacións cunha duración inicial mínima de doce meses.
Sen prexuízo do disposto na consideración xeral deste Anexo I, as organizacións sindicais propoñen que se elimine a posibilidade de subvencionar a contratación temporal por medio destes incentivos xa que sería contraditorio co obxectivo de favorecer o emprego estable e de calidade que persegue este proxecto de orde.
Quinta.- Artigo 21. Requisitos.
O apartado 1 deste artigo establece que para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo non se computarán ás persoas traballadoras cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran este Comité propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.
Obsérvase o mesmo no apartado 2 deste artigo respecto do cálculo do incremento do cadro de persoal neto.
Sexta.- Artigo 22. Contía dos incentivos.
Este precepto establece que as novas contratacións incentivaranse cunha axuda de 6.000 euros por cada persoa desempregada contratada como indefinida ou de 3.000 euros se a contratación é temporal.
Sen prexuízo do sinalado na consideración xeral deste Anexo I, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.
Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 14.3 e 31.
Sétima .- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este precepto obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período mínimo de dous anos.
As organizacións sindicais consideran que a dita obriga debería fixarse nun mínimo de cinco anos para evitar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras.
Oitava .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
As organizacións sindicais consideran que se debería esixir, en todo caso, que a formación aportara algún valor engadido sobre a obriga legal de formación no desempeño do posto de traballo que atingue á empresa.
Novena .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).
Décima .- Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 57 euros/hora. Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.
Décima primeira .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.
Décima segunda .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.
Décima terceira .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar a cada persoa traballadora a formación recibida.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
A CEG considera que debería existir a posibilidade de contratar a persoas que se atopen en situación de mellora de emprego cunha xornada inferior a un terzo, co obxectivo de mellorar as súas circunstancias laborais a través dun emprego de maior duración.
Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 2 deste artigo non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as entidades de formación.
A CEG considera que as ditas entidades non deberían estar excluídas en tanto en canto son entidades empregadoras.
Terceira.- Artigo 12. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste precepto fixa o prazo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano tramitador.
A CEG considera que debería circunscribirse a un período inferior, dado o período de vixencia do proxecto normativo e ao tratarse, ademais, dun procedemento sen concorrencia competitiva.
Cuarta.- Artigo 20. Ámbito de aplicación e contratacións subvencionables.
Este artigo esixe que a contratación se faga a tempo completo para poder ser subvencionada. A CEG considera que tamén deberían ser obxecto de subvención os contratos celebrados a tempo parcial.
Quinta.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 1.a), no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa que cumpra os requisitos.
A CEG considera que a cobertura desa vacante debería ser algo potestativo para a empresa e non unha obriga, de xeito que poida optar por devolver a parte proporcional da axuda que corresponda se decide non proceder coa substitución.
Obsérvase o mesmo respecto do apartado 2.a) deste mesmo artigo.
Sexta.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1.b) deste artigo establece a obriga de manter en cómputo anual o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal durante polo menos dous anos.
A CEG considera que debería recuperarse o previsto na orde para para o exercicio anterior, na que o dito período era de un ano.
Sétima.- Artigo 28. Incumprimento de obrigas e reintegro.
O apartado 1.b).ii establece que o mes que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento sexa cal sexa o día do dito mes no que aquela se realice.
A CEG propón que se estableza un prazo para levar a cabo a dita substitución e que non compute como tempo de incumprimento o mes completo.
Obsérvase o mesmo respecto do apartado 2.b).ii do mesmo artigo.
Oitava.- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
O apartado 1.b) deste precepto fixa o número de horas de duración da acción formativa en 70 (no caso dos contratos indefinidos) e en 50 (no caso dos contratos temporais).
A CEG considera que carece de sentido vincular o número de horas da formación ao tipo contractual, polo que propón que a duración da acción formativa sexa a mesma en todo caso.
Novena.- Artigo 31. Contía dos incentivos e condicións da percepción.
A CEG propón que se recolla neste artigo un incentivo adicional para adaptar as condicións de accesibilidade á formación para as persoas con discapacidade contratadas.