Ir o contido principal

Ditame 33/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo remitido, o colectivo das persoas desempregadas paradas de longa duración é o que está a sufrir, en maior medida, o incremento das dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo, polo que resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que contribúan a reducir o tempo que as persoas traballadoras pasan en situación de desemprego e faciliten o seu retorno ao mundo laboral.

Unha desas medidas sería o deseño dun programa de incentivos á contratación por conta allea destinado a dotar de novas oportunidades ao citado colectivo, dadas as súas maiores dificultades de colocación.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2019, publicada no DOG o día 20 de marzo de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 11 de febreiro de 2019 (ditame 1/2019), obsérvase que se non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial , unha das cales afecta ao fondo da norma.

A única modificación no texto deste proxecto respecto ao da orde para o exercicio 2019 obsérvase no artigo 21.3, segundo o cal: “Os incentivos previstos neste procedemento serán de aplicación a todas as modalidades contractuais de carácter temporal a tempo completo que se realicen con persoas desempregadas paradas de longa duración.” Neste proxecto engádese un inciso que exceptúa do anteriormente dito aos contratos para a formación e a aprendizaxe.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 28 de outubro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén nove consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: unha xeral e trece específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha xeral e dez específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).

DITAME 33/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de outubro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
O apartado 2.b) deste precepto inclúe, como un dos tipos de axuda recollidos, o bono formación dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde.

Tendo en conta que o artigo 29.1 establece que “as empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde”, este Comité considera que se debería substituír a redacción do dito apartado 2.b) pola que segue: “b) Bono formación dirixido ás empresas que teñan a persoas traballadoras contratadas por medio desta orde”.

Segunda.- Artigo 5. Definicións.
No apartado 5 define ao emigrante retornado, cando o correcto sería empregar o termo “persoa emigrante retornada”.
Ademais, obsérvase o uso das barras (os/as fillos/as das persoas galegas), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Terceira.- Artigo 5. Definicións.
Obsérvase o emprego da letra j na numeración dos artigos 5 e 6, así como o uso das letras j e k no artigo 25, que son impropia do alfabeto galego polo que deberían substituírse polas que correspondan.

Cuarta.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Dado que o obxectivo desta orde é fomentar o emprego, este Comité considera que deberían poder ser beneficiarias das axudas aquí recollidas as entidades con capacidade de contratar como o son as entidades sen ánimo de lucro, excluídas expresamente no apartado 2 deste artigo.

Quinta.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O apartado 3.e) deste precepto establece que non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, entre elas, non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité considera que a dita Lei de subvencións debería modificarse de xeito que recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter pendente de pagamento algunha outra débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Obsérvase o mesmo respecto do previsto nos artigo 16.3), 26.2 e 32.3.

Sexta.- Artigo 16. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Sétima.- Artigo 23. Exclusións.
O apartado 2 deste artigo exclúe das axudas os contratos realizados con certos familiares, con algunha excepción.

Este Comité considera que deberían terse en conta as excepcións á dita exclusión que recolle a Disposición Adicional Décima da Lei do Estatuto do traballo autónomo.

Oitava.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Novena. - Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS.

CONSIDERACIÓN XERAL:

As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Segundo o apartado 2.a) deste artigo, os incentivos previstos neste proxecto normativo poden aplicarse ás contratacións temporais cunha duración inicial mínima de doce meses.

As organizacións sindicais propoñen que se elimine a posibilidade de subvencionar a contratación temporal por medio destes incentivos xa que sería contraditorio co obxectivo de favorecer o emprego estable e de calidade que persegue este proxecto de orde.

Obsérvase o mesmo respecto do artigo 20.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
As organizacións sindicais cuestionan a utilización do bono de formación recollido no apartado 2.b) como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.

Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa no Capítulo III.

Terceira.- Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia ou illadamente con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

As organizacións sindicais consideran que, en lugar do que figura no citado apartado, debería establecerse que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Cuarta.- Artigo 21. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Quinta.- Artigo 23. Exclusións.
O apartado 4 recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Sexta.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este precepto, no seu apartado 1, letra a), obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación. Igualmente, nas letras b) e c) do mesmo apartado, alúdese de novo a un período de dous anos.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.

Sétima .- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
O segundo parágrafo dos apartados 1.a) e 2.b) establece que “no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial”.

As organizacións sindicais consideran que esta posibilidade soamente debería proceder no suposto de que a extinción da relación laboral se produza por causa non imputable á entidade beneficiaria.

Oitava .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
As organizacións sindicais consideran que se debería esixir, en todo caso, que a formación aportara algún valor engadido sobre a obriga legal de formación no desempeño do posto de traballo que atingue á empresa.

Novena .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).

Décima .- Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 57 euros/hora. Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Décima primeira .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.

Décima segunda .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.

Décima terceira .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar a cada persoa traballadora a formación recibida.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E UNÁNIMES DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

CONSIDERACIÓN XERAL:

A CEG solicita que se recupere o programa de incentivos á transformación da contratación temporal en indefinida, ampliado a todo tipo de colectivos co obxeto de mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego, aumentar a contratación de carácter estable e facilitar e incentivar ás empresas que fan un esforzo para dotar de estabilidade á súa plantilla.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 2 deste artigo non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as entidades de formación.

A CEG considera que as ditas entidades non deberían estar excluídas en tanto en canto son entidades empregadoras.

Segunda.- Artigo 12. Instrución do procedemento.
Este Comité considera que se debería revisar a redacción do apartado 2 deste artigo e establecer a posibilidade de substitución da persoa traballadora para os casos en que a baixa se produza por causas alleas á vontade da empresa, en lugar de entender que esta desiste da súa solicitude.

Terceira.- Artigo 20. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables.
Este artigo esixe que a contratación se faga a tempo completo para poder ser subvencionada. A CEG considera que tamén deberían ser obxecto de subvención os contratos celebrados a tempo parcial. En consecuencia, debe adaptarse o resto do articulado da orde a esta circunstancia.

Cuarta.- Artigo 21. Requisitos.
No apartado 2 deste artigo figura, como requisito de acceso aos incentivos, o de incrementar o emprego fixo e neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

A CEG reitera que este requisito debe eliminarse, pois penaliza a aquelas empresas que polas circunstancias da súa actividade tivesen empregados contratados temporalmente que finalizasen a súa relación laboral no período dos tres meses anteriores.

A CEG entende que é suficiente o requisito do incremento do persoal fixo da empresa en aras a conseguir un maior impacto da medida de incentivación da contratación indefinida inicial.

Quinta.- Artigo 22. Contía dos incentivos.
A CEG propón que se prevexa neste artigo un incremento da contía no suposto de que a persoa contratada sexa unha persoa con especiais dificultades de inserción por pertencer a algún dos seguintes colectivos:

-Persoas con discapacidade.
-Persoas que teñan recoñecida unha discapacidade laboral en grao total, absoluta ou grande invalidez.
-Persoas en situación de cronicidade (con patoloxías crónicas).
-Mulleres.
-Persoas beneficiarias de pensións non contributivas de invalidez e que non se achen nalgún dos dous primeiros casos sinalados.
-Persoas en risco de exclusión social.

Sexta.- Artigo 22. Contía dos incentivos.
A CEG considera que as contías das axudas deberían modularse en atención do custo salarial que ten para a empresa a contratación da persoa traballadora.

Sétima.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 1.a), no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa que cumpra os requisitos.

A CEG considera que a cobertura desa vacante debería ser algo potestativo para a empresa e non unha obriga, de xeito que poida optar por devolver a parte proporcional da axuda que corresponda se decide non proceder coa substitución.

Obsérvase o mesmo respecto do apartado 2.a) deste mesmo artigo.

Oitava.- Artigo 28. Reintegros.
O apartado 1.b).ii establece que o mes que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento sexa cal sexa o día do dito mes no que aquela se realice.

A CEG propón que se estableza un prazo para levar a cabo a dita substitución e que non compute como tempo de incumprimento o mes completo.

Obsérvase o mesmo respecto do apartado 2.b).ii do mesmo artigo.

Novena.- Artigo 31. Contía dos incentivos e condicións da percepción.
A CEG propón que se recolla neste artigo un incentivo adicional para adaptar as condicións de accesibilidade á formación para as persoas con discapacidade contratadas.
Décima.- Artigo 33. Incumprimento de obrigas e reintegro.
En relación aos parágrafos 2 e 3 deste artigo, a CEG considera que debe contemplarse a circunstancia de que se produza a baixa voluntaria dunha persoa traballadora contratada ao amparo da subvención que xa teña sido formada co bono de formación. Para elo a empresa pode contratar a unha persoa substituta, polo que se debería xerar un bono de formación para esta nova contratación sempre e cando se cumpran os requisitos esixidos na orde.

Número ditame
33