Ir o contido principal

Ditame 8/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, e se convocan para o ano 2019.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 18 de marzo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, e se convocan para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

Segundo a exposición de motivos, o traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no cal descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

 

Este proxecto normativo establece, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer a súa estrutura.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2018, publicada no DOG o día 3 de maio de 2018 e o ditame emitido polo Consello con data 9 de marzo de 2018 (ditame 4/2018), obsérvase que tiveron en conta dúas consideracións de forma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

A única modificación presente no texto deste proxecto normativo respecto da Orde publicada para o exercicio anterior obsérvase no artigo 7 que engade, entre os gastos subencionables, os gastos de renting [sic].

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

  1. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, e se convocan para o ano 2019” consta de: vinte e sete artigos, tres disposicións adicionais  e dúas finais.

 

 

O día 27 de marzo de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén once consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia, e S.N. de CCOO de Galicia (Anexo I) e dúas xerais e unha específica manifestadas pola organización empresarial CEG (Anexo II).

 

 

 

 

DITAME 8/2019

 

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, e se convocan para o ano 2019, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de marzo de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de marzo de 2019, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 7. Gastos subvencionables.

Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación, que son impropias do alfabeto galego e deberías substituírses polas seguintes letras que correspondan.

 

Segunda.- Artigo 7. Gastos subvencionables.

O apartado 2 deste precepto inclúe, na letra h) entre os gastos subvencionables, as cotas pola pertenza a organizacións autonómicas ou estatais.

 

Este Comité considera que non se debería subvencionar con medios autonómicos a pertenza a organizacións estatais, polo que propón suprimir esa posibilidade.

 

Terceira.- Artigo 7. Gastos subvencionables.

Segundo o apartado 2.k) deste artigo, son subencionables os gastos de renting.

 

Este Comité considera que se debería substituír ese termo anglosaxón polo galego “arrendamento financeiro”.

 

Cuarta.- Artigo 16. Consentimentos e autorizacións.

En relación co apartado 3, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Igual consideración se formula respecto do apartado 1 en relación co sistema de verificación de datos.

 

Quinta.- Artigo 18. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.

No artigo 12.1.c) do proxecto normativo esíxese que a entidade presente unha memoria dos servizos prestados as súas persoas asociadas.

 

Este Comité propón que se engada como criterio de valoración, no artigo 18, o que establecía o apartado 1.d) do artigo 11 da orde do exercicio 2010: “d) Actividades realizadas no exercicio anterior e servizos que prestan as súas persoas asociadas: Ata 15 puntos”.

 

Sexta.- Artigo 18. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.

O apartado 1.f) valora con ata 7 puntos o orzamento de ingresos e gastos do exercicio 2019.

 

Este Comité considera que non se debería valorar un orzamento futurible, polo que propón que este se substitúa polas últimas contas anuais executadas como indicador da actividade real.

 

Sétima.- Artigo 18. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.

Na orde para o exercicio 2012 que regulaba este programa figuraba, entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto de emprego con apoio”, puntuándose con ata 5 puntos.

 

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

 

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2012, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

Oitava.- Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.

Segundo o apartado g) obriga á entidade beneficiaria a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

 

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos.

Novena.- Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

 

Este Comité considera que deberían figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran adecuadas.

 

Décima.- Disposicións adicionais.

Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras [sic].

 

Décimo primeira.- Disposicións derradeiras.

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, que é a autoridade competente na materia.

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA, E S.N. DE CCOO DE GALICIA:

 

Consideración xeral:

As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son dunha excesiva flexibilidade conceptual e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións de cooperativas.

 

As organizacións sindicais seguen a considerar esaxerado o importe do orzamento destinado a este programa, á vista dos resultados da folla estatística achegada pola Subdirección Xeral de Emprego.

 

 

Consideración específica.-

 

Artigo 18. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.

En relación coa consideración específica unánime sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar a maiores, o seguinte:

 

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego no proxecto pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, como se comproba nos restantes criterios de avaliación que permanecen, polo que se considera que debería recuperarse a redacción deste proxecto para o exercicio 2012.

 


ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS  DE GALICIA:

 

Consideracións xerais

 

Primeira.

Deberían contemplarse no texto da Orde como beneficiarias das subvencións destinadas a traballadores autónomos ás asociacións empresariais polos seguintes motivos:

 

  • Para ter en consideración na súa redacción a recente modificación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo pola disposición final terceira do Real Decreto Lei 4/2015, do 22 de marzo que incorpora ás organizacións empresariais entre aquelas con capacidade xurídica para actuar en representación dos traballadores autónomos.

 

  • Por outra parte, como se sinala na exposición de motivos o traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. As asociacións empresariais cumpren unha función de fomento e promoción do emprego autónomo e contan entre os seus asociados con empresarios autónomos. Por iso, o fomento do asociacionismo empresarial no sector do autoemprego contribúe tamén á consolidación do colectivo das persoas autónomas e debería contemplarse no ámbito das subvencións obxecto de ditame.

 

Segunda.

A CEG propón que se habilite neste proxecto de orde a posibilidade de anticipar fondos previos a incorrer en gasto algún, independentemente  do establecido no artigo 21 onde se regulan os pagamentos a conta.

 

 

Consideración  específica:

 

Artigo 7. Gastos subvencionables.

No apartado 2, letra i), establécese que a contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención, por participar nas actividades relacionadas nos citados apartados, non poderá superar o 50% do seu custo.

 

A CEG considera que debería manterse a porcentaxe do 70% que figuraba en convocatorias anteriores a fin de cubrir os custos que no marco do programa se realizan.

Número ditame
8