Ir o contido principal

Ditame 5/18

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2018 e 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 21 de febreiro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2018 e 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema. O seu artigo 6 establece que a concesión directa de subvencións aplicarase ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, así como nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, no marco da formación de oferta da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 22 de marzo de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 11 de xaneiro de 2017 (Ditame 2/2017), obsérvase que só se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, relativa a un erro ortográfico.

A única modificación destacable que presenta o novo proxecto normativo respecto da orde para o exercicio anterior é a minoración da contía asignada en 2.779.496 euros.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2018 e 2019” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria e dúas finais.

O día 9 de marzo de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e vinte e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.

DITAME 5/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2018 e 2019, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de febreiro de 2018, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de marzo de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que a regulación das bolsas debería ser en todo caso un dereito garantido do alumnado, tanto no que respecta ás expresións incoherentes que se conteñen en diversos artigos como no orzamento previsto que, para este exercicio, sofre un novo recorte do 40%.

A este respecto, este Comité considera que, de non aceptarse esta consideración, poderían existir situacións discriminatorias, mesmo no ámbito do alumnado dunha única acción formativa.

Segunda.
Respecto das axudas de transporte e as axudas de manutención e aloxamento que se regulan neste proxecto normativo, chama a atención que estas se fixen en función do enderezo de intermediación laboral do alumnado.

Este Comité propón que se teña en conta como enderezo de referencia o domicilio dos alumnos e alumnas.

Terceira.
No texto do proxecto de orde sometido a ditame figura no artigo 14 o establecemento dunha obriga de colaboración para as entidades, centros e empresas que reciban fondos públicos para o desenvolvemento das accións de formación.

Este Comité entende que se está a esixir a asunción dunha responsabilidade que excede das funcións das entidades e que, ademais, non se vería compensada. Por isto, propón que se elimine ese artigo 14 ou, subsidiariamente, se estableza esa colaboración como voluntaria e, en todo caso, se suprima o seu apartado 3, así como o apartado 4 polas razóns expostas na consideración específica décimo segunda.

Cuarta.
Este Comité solicita que se faciliten a folla de datos estatísticos da execución provisional correspondente ao exercicio 2017, que debe acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que os parágrafos décimo terceiro a décimo sexto deberían ser eliminados, dado que o seu contido está máis relacionado coa orde de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia que coa presente orde.

Segunda.- Artigo 5. Cálculo das rendas.
En relación co disposto no apartado 1, no relativo ao cálculo das rendas, ao dispoñer que “Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias”, este Comité considera necesario clarificar o alcance da expresión “os ingresos brutos do mes anterior”.

Terceira.- Artigo 5. Cálculo das rendas.
No último parágrafo do apartado 2 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.
Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á súa perda.

Cuarta.- Artigo 8. Axudas de transporte.
En relación coas axudas de transporte recollidas no apartado 1. a) deste artigo, o Comité considera que se debería incrementar a axuda prevista de 1,5 € por día de asistencia, á vista dos prezos vixentes do transporte público.

Quinta.- Artigo 8. Axudas de transporte.
Respecto da axuda de transporte público interurbano prevista no apartado 1.b), este Comité considera que se debería incrementar en contía suficiente para cubrir o custo real.

Sexta.- Artigo 8. Axudas de transporte.
Polo que se refire á axuda de transporte en vehículo propio do alumnado cando non exista medio de transporte público entre o seu domicilio e o do centro de formación, ou este transporte non teña un horario regular que permita compatibilizalo co da acción formativa, o importe da axuda que se establece no apartado 2 deste artigo é de 0,15 € por quilómetro e día de asistencia, cun máximo de 20 € diarios.

Este Comité considera que o importe da axuda debería ser de 0,19 € por quilómetro e, ademais, o máximo diario debería ser aumentado ata 40 €.

Sétima.- Artigo 8. Axudas de transporte.
En relación co disposto no apartado 2 deste artigo para as axudas de transporte en vehículo propio, este Comité considera que se debería ter en conta neste apartado a especial problemática das persoas con discapacidade e mobilidade reducida que non poden utilizar o transporte público.

Oitava.- Artigo 9. Axudas de manutención e aloxamento e manutención.
No apartado 2 deste artigo regúlase a axuda de aloxamento e manutención cando a distancia entre o seu domicilio e o lugar de impartición sexa, como mínimo, de 100 quilómetros. Este Comité considera que se debería de recuperar a redacción da convocatoria do ano 2014 que fixaba a dita distancia en 50 quilómetros (artigo 48. 5. 2 c).

Novena.- Artigo 10. Axudas á conciliación.
No apartado 1 deste artigo establécese que as persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación terán dereito a unha contía igual ao 75% do IPREM diario, por día de asistencia.

Este Comité considera que a contía debería ser do 100% do IPREM diario, por día de asistencia.

Décima.- Artigo 14. Obriga de colaboración.
O apartado 2.c. deste artigo establece que se presentarán ante o órgano instrutor competente a documentación relativa a subvencións en concepto de bolsas e axudas de alumnado, dentro dos 10 primeiros días de cada mes.

Este Comité propón que se especifique se é do 1 ao 10 de cada mes ou dentro dos 10 primeiros días hábiles de cada mes.

Décimo primeira.- Artigo 14. Obriga de colaboración.
Este Comité propón que, de acordo coa consideración xeral terceira, se suprima o apartado 3 da redacción desta orde.

Décimo segunda.- Artigo 14. Obriga de colaboración.
Con respecto ao apartado 4 desde artigo, este Comité cre que debería ser eliminado da redacción do proxecto normativo por considerar que non corresponde a esta norma.

Décimo terceira.- Artigo 16. Prazo de presentación das solicitudes.
En relación co suposto de presentación da solicitude fora de prazo, previsto no apartado 2 deste artigo, este Comité considera que non debería comportar a súa inadmisión, senón soamente que se lle reduzan os días transcorridos fóra do prazo.

Décimo cuarta.- Artigo 17. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento.
O apartado 2 deste precepto recolle a documentación específica a presentar por quen solicite unha bolsa de asistencia e inclúe unha copia do libro de familia ou, no caso de persoas estranxeiras sen libro de familia, calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.

Este Comité considera que debería regularse o suposto das parellas de feito e determinar que documentación acreditativa ten que presentar quen se atope nesa situación.
Obsérvase o mesmo respecto do apartado 4 deste mesmo artigo.

Décimo quinta.- Artigo 17. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento.
En canto ao recollido no cuarto punto do apartado 4 e no apartado 2 deste artigo, sobre que a renda familiar sexa inferior ao 75% do IPREM, este Comité considera que se debería especificar que se trata da renda familiar rateada individualmente.

Décimo sexta.- Artigo 19. Declaracións responsables.
Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 2. e) deste proxecto normativo.

Décimo sétima.- Artigo 20. Consentimentos e autorizacións.
En relación coas previsións contidas nos apartados 1 e 3 deste artigo, este Comité continúa a aconsellar que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola persoa interesada e, en segundo lugar, a opción de que esta autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décimo oitava.- Artigo 21. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 2 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de cinco meses.

Este Comité considera que é intolerable fixar un prazo de cinco meses e que non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos.

Décimo novena.- Artigo 21. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 2 deste artigo disponse que unha vez transcorrido o antedito prazo (de cinco meses) sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

Este Comité considera que, para evitar inseguridade xurídica, a expresión “poderá entenderse” debería substituírse por “entenderase”.

Vixésima.- Artigo 23. Pagamento das bolsas e axudas.
Este Comité considera que debería manterse a redacción que presentaba este artigo no seu apartado 2 na orde de axudas do ano 2016 e que establecía que “...o primeiro pagamento terá lugar no mes seguinte ao da comunicación da resolución da concesión”.

Vixésimo primeira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha.
Proponse o mesmo respecto das disposicións derradeiras (sic).

Vixésimo segunda.- Disposicións finais.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras (sic) que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 15. Modo de presentación das solicitudes.
Sinala este artigo que as solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica e que “no suposto de que a persoa solicitante non teña capacidade técnica ou económica, ou que, por outros motivos, non teña garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a presentación da solicitude e da documentación complementaria poderá ser válidamente realizada por unha persoa representante que si cumpra os anteditos requisitos…”.

Con respecto a isto, cabe manifestar que, sen perxuizo de estimar que a obriga de colaboración establecida para as entidades, centros e empresas debería eliminarse nos termos aquí reflectidos, en todo caso a redacción proposta neste artigo produce incertidume e inseguridade xurídica por canto coa estipulación da obriga de colaboración se estaría introducindo unha maior responsabilidade aos centros, entidades e empresas na xestión vía electrónica da solicitude e da documentación complementaria, pero sen clarificar a casuística derivada da devandita xestión (a obrigatoriedade ou non da xestión por vía electrónica, as problemáticas derivadas da revocación da autorización concedida inicialmente polo alumnado, etc.).

Número ditame
5