Ir o contido principal

Ditame 39/17

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES
O día 16 de novembro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, se procede á súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o disposto no Decreto
146/2016, do 13 de novembro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, no marco das políticas activas de emprego, xestiona os programas de apoio ás persoas emprendedoras e á economía social, xa que o autoemprego estase a amosar unha fórmula eficaz para a incorporación ou a reincorporación ao mercado de traballo das persoas desempregadas.

Este proxecto de orde refunde dúas ordes anteriores, de xeito que regula dous programas: o programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e o porgrama de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

Vistos o borrador agora remitido, o texto das ordes que recollían estes programas para o exercicio de 2017 (publicados, respectivamente, no DOG do día 23 de maio de 2017 e do 10 de agosto de 2017) e os correspondentes ditames emitidos polo Consello con data 31 de marzo de 2017 (Ditame 12/2017) e 19 de xuño de 2017 (Ditame 21/2017), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Respecto ao financiamento (artigo 4), obsérvase un incremento de 84.300 euros nos créditos asignados ao programa I mentres que a contía prevista para o programa II redúcese en 220.456 euros.
Dentro do programa I, destacan as modificacións que afectan ás subvencións á xeración de emprego estable (artigo 21) e para o inicio da actividade (artigo 23). Ambas subvenciónanse cunha contía base de 2.000 euros (no caso da subvención para o inicio da actividade, isto supón unha mingua de 1.000 euros respecto ao exercicio anterior).
Na orde anterior prevíase un incremento do 25% da dita contía cando as persoas contratadas pertencían a certos colectivos. Obsérvase a supresión dun colectivo (persoas pertencentes a unidades familiares con todos os membros en desemprego) e a inclusión de dous novos (persoas maiores de 45 anos e persoas emigrantes retornadas).
Por outra banda, o novo proxecto engade unha contía de 4.000 cando se contrata a unha persoa desempregada de longa duración. O mesmo se prevé para as persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, cuxa contratación implicaba ese incremento do 25% na orde anterior.
O mesmo tipo de modificacións afectan á subvención á creación directa de emprego estable (artigo 37) dentro do programa II.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, se procede á súa convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, corenta e nove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 27 de novembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e dezaoito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexos, dúas consideracións xerais e catro específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo I) e unha consideración xeral e catro específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 39/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de novembro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de novembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo aínda persisten algunhas incorreccións en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico, por exemplo, “os emprendedores (exposición de motivos” , “os promotores” no artigo 46 ou “o interesado” no artigo 47 ou o uso ocasional das barras (os/as fillos/as no artigo 31) polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Ademais, este Comité considera que a redacción do proxecto sometido a ditame é manifestamente mellorable e destaca, entre outros, os seguintes erros:

-No artigo 37 figuran dous apartados numerados como 2.
-No artigo 49 debería substituír “sen prexuízo de las sanciones que puidesen corresponder” por “sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder”.
-Na disposición adicional segunda aparece a palabra “mprego” en lugar de “emprego”.
-Nalgúns artigos reprodúcese, literalmente, o establecido noutros: por exemplo, o artigo 41.4 vén a reiterar o xa establecido no 27.4.

-O artigo 10 parace confundir a apertura do prazo para presentar solicitudes coa publicación da Lei de orzamentos.

Segunda.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

Terceira.
Obsérvanse certas discordancias procedimentais entre os artigos 7, 27, 40 e 41 (que establecen a obrigatoriedade de presentar as solicitudes e a documentación complementaria por vía electrónica) coa referencia que fai o artigo 12.5 á posibilidade de que a notificación electrónica fose expresamente elixida pola persoa beneficiaria.

En todo caso, e na medida en que as persoas autónomas poden ser beneficiarias destas axudas, este Comité considera que debería respectarse a posibilidade legal de optar por realizar calquera trámite presencialmente.

Cuarta.
Este Comité solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2017, correspondentes ás dúas ordes que se refunden neste proxecto, que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 5. Definicións.
Obsérvase que neste artigo empréganse as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.
O mesmo se observa respecto do artigo 47, no que se fai uso da letra j).
Segunda.- Artigo 5. Definicións.
O apartado k) deste artigo define o que se entende por persoa inmigrante retornada e inclúe catro requisitos para adquirir tal condición.

Respecto do requisito de acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal, este Comité considera que debería preverse nun parágrafo separado, xa que se trata da previsión dun suposto distinto ao que non lle resultaría esixible a concorrencia do resto dos requisitos.

Terceira.- Artigo 6. Réxime das axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Cuarta.- Artigo 10. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1 e 3, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Quinta.- Artigo 19. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que se debería revisar a redacción deste artigo, xa que pode levar a confusión. Non quedan claros os motivos da exclusión das sociedades cooperativas e laborais no primeiro apartado, e a súa inclusión no segundo se teñen a cualificación de ILE.

Sexta.- Artigo 23. Subvención para o inicio da actividade.
Segundo o apartado 6 deste artigo, a través da axuda para o inicio da actividade serán subvencionables os gastos realizados desde un mes antes ao inicio da actividade empresarial.

Este Comité considera que ese prazo dun mes debería ampliarse sensiblemente.

Sétima.- Artigo 26. Solicitudes e prazo de presentación.
No primeiro apartado deste artigo, así como no apartado 1 do artigo 40, establécese que o prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 31 de xullo de 2018.

Este Comité considera que este prazo xeral pode resultar insuficiente, e que sería máis apropiado estendelo ao longo dunha anualidade completa.

Oitava.- Artigo 28. Comprobación de datos.
En relación cos apartados 1 e 2 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, no apartado 1, a obriga da persoa interesada de aportar os documentos e, no apartado 2, a presunción de que autoriza expresamente ao órgano xestor para que consulte eses datos.

Novena.- Artigo 31. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado 1 e) deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Décima.- Artigo 31. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado 1 g) deste artigo establécese obriga das persoas ou entidades beneficiarias “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos, tal e como figura na Orde do 19 de xullo de 2017 que regula o programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral (DOG do 11 de agosto de 2017) que, no seu artigo 16.d), establece un prazo de de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

Décimo primeira.- Artigo 38.- Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
Segundo o apartado 3 deste precepto, “esta subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela”.

Este Comité propón que se concrete o que se debería entender por “ben identificadas” xa que estamos ante un concepto xurídico indeterminado.

Décimo segunda.- Artigo 39. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Na orde reguladora desta axuda no exercicio 2014 suprimíronse os gastos de constitución da empresa como gasto subvencionable.

Xa que o apartado c) do artigo 36 inclúe a axuda para o inicio e posta en marcha da actividade como unha das modalidades de axudas, este Comité propón que se recupere a condición de subvencionable dos citados gastos de constitución da empresa.

Décimo terceira.- Artigo 39. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Este Comité propón que se considere a posibilidade de incluír os gastos de investimento en activo fixo entre os gastos subvencionables descritos no apartado 3 deste artigo.

Décimo cuarta.- Artigo 44. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 4 deste precepto, as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2018.

Este Comité propón que se permita solicitar, xustificadamente, unha prórroga de carácter extraordinario, como xa se prevía na Orde para o exercicio de 2013, para o caso en que non sexa posible para a persoa beneficiaria a presentación da documentación no prazo anteriormente establecido.

Décimo quinta.- Artigo 44. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 7 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a persoa ou entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou teña algunha débeda por calquera concepto pendente de pagamento coa Administración pública.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade beneficiaria subsanar “algunha débeda por calquera concepto pendente coa Administración” no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Décimo sexta.- Artigo 47. Obrigas da persoas ou entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 3, parágrafo segundo, deste artigo: “o órgano concedente resolverá e notificará ao interesado sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a 3 meses dende a recepción da comunicación”.

Este Comité propón que se reduza o dito prazo, para dar unha maior axilidade á contratación.

Décimo sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo oitava.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Consideracións Xerais.
Primeira.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que, na medida en que as axudas previstas nos artigos 20.a) e 36.a) deste proxecto normativo poden ser utilizadas pola persoa beneficiaria para a contratación estable de terceiras persoas, é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
O proxecto normativo establece, nos seus artigos 36.a) e 37, unha subvención á creación directa de emprego estable en IEBT.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia, manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que “promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados”.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 36 do proxecto normativo (subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).

Consideracións específicas.
Primeira.- Artigo 21. Subvención á xeración de emprego estable
En relación co establecido nos artigos 21 e 27, e sen prexuízo do sinalado na anterior consideración xeral, enténdese que o custo máximo subvencionable por todos os conceptos debería ser o da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Segunda.- Artigo 37. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 9 deste artigo establece que estas subvencións serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 70% (ampliable ao 80%) do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A organizacións que integran este Comité consideran que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que o conxunto dos incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Terceira.- Artigo 38. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía da subvención será a resultante de multiplicar o custo bruto salarial medio mensual de un contrato temporal segundo os datos da última EPA publicados (1.463,60 €), polo número de meses de duración do contrato temporal que se subvenciona.

As organizacións sindicais que fan parte do Comité consideran que debe constar que a contía da subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Igual consideración maniféstase respecto do establecido no apartado 3 deste artigo e debería indicarse que as axudas concedidas non poderán, en ningún caso, superar o custo de Seguridade Social orixinado pola totalidade das persoas contratadas.

Cuarta.- Artigo 47. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos. Nas ordes dos exercicios de 2006 e 2012 este prazo era, respectivamente, de cinco e tres anos.

Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de dous anos. Nas ordes dos exercicios de 2006 e 2012 este prazo era, respectivamente, de cinco e tres anos.

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral primeira, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas tal e como estaban na orde do exercicio de 2006.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Consideración xeral.
Se ben a CEG valora positivamente o proxecto de Orde, especialmente en canto ao alcance das entidades beneficiarias, por fomentar e estimular o emprego nas pequenas empresas de nova creación calquera que sexa a súa forma xurídica, considera que é necesario un incremento na dotación orzamentaria.
Respecto do programa I aquí regulado, e aínda que a contía asignada vese incrementada en 84.300 euros respecto ao exercicio de 2017, segue tratándose dun crédito sensiblemente inferior ao previsto na Orde para o ano 2016.
Por outra banda, o programa II sofre unha mingua de 220.456 euros respecto do orzamento atribuído para o exercicio pasado.
A CEG considera que tales mermas orzamentarias van en detrimento dos estímulos que motivan esta orde.

Consideracións específicas.
Primeira. - Artigo 5. Definicións.
O apartado a) deste artigo establece que terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

A CEG propón ampliar a consideración de persoas desempregadas aos efectos dos incentivos establecidos na orde, eliminando a obrigatoriedade de carecer de ocupación no momento da alta.

Segunda. - Artigo 36. Tipos de axuda.
Nas distintas modalidades de axuda, a CEG propón que debería incluírse unha axuda específica destinada á transformación de contratos temporais en indefinidos, incentivando deste xeito ás empresas ao mantemento do emprego.

Terceira. - Artigo 36. Tipos de axuda.
A CEG considera que se debería recuperar entre os tipos de axuda recollidos neste artigo a subvención financeira, xa que é un mecanismo de apoio básico para a consecución do financiamento que necesitan os proxectos desta natureza, así como tamén a subvención de apoio á función xerencial que aparecía recollida en ordes anteriores.

Cuarta. - Artigo 47. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Segundo os apartados 2 e 3 deste artigo, en caso de que se produza o cesamento dunha persoa traballadora, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo de dous meses.

O órgano concedente resolverá e notificará ao interesado sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a 3 meses dende a recepción da comunicación.

A CEG considera que debería limitarse ambos prazos a un mes. En atención a especial urxencia e necesidade que as funcións deste persoal pode desempeñar os prazos de dous e tres meses no seu caso para ter aceptada a proposta de susbtitución por parte da administración son excesivos.

Número ditame
39