Ir o contido principal

Ditame 26/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Proxecto de orde pola que se regula o procedemento e se aproba e da publicidade ao modelo de comunicación, de desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servicios transnacional á Comunidade Autónoma de Galicia.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de xullo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que se regula o procedemento e se aproba e da publicidade ao modelo de comunicación, de desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servicios transnacional á Comunidade Autónoma de Galicia. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, e á vista do establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible adaptar o modelo de comunicación deste procedemento ás novas esixencias establecendo a súa presentación a través de medios electrónicos, facilitando así unha maior comunicación e unha relación máis áxil e simple entre a Administración galega e aquelas empresas que despracen persoas traballadoras a Galicia de acordo co establecido na Lei 45/1999, do 29 de novembro, sobre o desprazamento de traballadores no marco dunha prestación de servizos transnacionais.

É a primeira vez que este proxecto se somete a ditame.

Do seu contido destacan os seguintes puntos:

Segundo o seu artigo 1, este proxecto ten por obxecto regular o procedemento e aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado, para a súa tramitación por medios electrónicos sobre o desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizos transnacional regulados pola Lei 45/1999, de 29 de novembro, que regula o desprazamento de traballadores no marco dunha prestación de servizos transnacional.

Esta comunicación debe efectuarse por todas aquelas empresas que despracen traballadores por un prazo superior a 8 dias, excepto no caso de ETTs que terán que comunicalo en todo caso.
A comunicación de desprazamento presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos (artigo 2) e o mesmo se observa para a documentación complementaria referida no Anexo I (artigo 3).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se regula o procedemento e se aproba e da publicidade ao modelo de comunicación, de desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servicios transnacional á Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: seis artigos, dúas disposicións adicionais e unhas disposición final.

O día 29 de xullo de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexos, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia E SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 26/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se regula o procedemento e se aproba e da publicidade ao modelo de comunicación, de desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servicios transnacional á Comunidade Autónoma de Galicia”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de xullo de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de xullo de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Exposición de motivos.
Obsérvase un erro ortográfico no parágrafo cuarto da exposición de motivos xa que se emprega o termo “sercizos” no lugar de “servizos”.

Segunda. – Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Terceira. – Anexo I.
No formulario contido neste anexo obsérvase que, entre os datos da empresa, se require o número de REA.

A disposición adicional primeira do Real Decreto 1109/2007, de 24 de agosto, polo que se desenvolve a la Lei 32/2006 reguladora da subcontratación no Sector da Construción establece a obriga de inscrición no REA, no caso de desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizos transnacional pero, ao mesmo tempo, prevé que a primeira comunicación do desprazamento terá o carácter de solicitude de inscrición.

Así, este Comité propón que non se solicite o REA na primeira comunicación porque é posible que non dispoñan de número de REA por estaren a solicitar o rexistro conxuntamente coa dita comunicación.

Cuarta. – Anexo I.
Este Comité considera que, nos datos da persoa traballadora requiridos neste anexo, debería requirirse que figure a modalidade contractual, así como o salario diario a percibir e o convenio ou norma laboral que se lle vai aplicar.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:

Artigo 1. Obxecto.
Segundo este artigo, no caso de desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizos transnacional, a comunicación é obrigatoria para as empresas que despracen persoas traballadoras por un prazo superior a 8 días.

Este Comité considera que a comunicación debería ser obrigatoria aínda que o prazo do desprazamento sexa inferior a 8 días, polo que propón reducir sensiblemente o dito prazo.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG:

Primeira. – Anexo I.
No modelo contido no Anexo solicítanse os datos da persoa física ou xurídica presente en España, designada como representante da empresa prestadora dos servizos, para servir de enlace coas autoridades españolas e para o envío e recepción de documentos ou notificacións.

Entre os datos solicitados atópase o NIF da dita persoa.

A CEG considera que non se debería requirir ese dato xa que a representación da empresa pode recaer nunha persoa que non teña nacionalidade española e, polo tanto, careza de NIF.

O artigo 9.e) da Directiva 2014/67/UE, que fai referencia a estas persoas, non esixe en ningún momento que teñan nacionalidade española.

Segunda. – Anexo I.
Obsérvase o mesmo respecto dos datos da persoa física ou xurídica presente en España, designada como representante da empresa prestadora dos servizos, nos procedementos de información e consulta e de negociación, que tamén se requiren no formulario do Anexo I a esta orde.

A esta persoa fai referencia o artigo 9.f) da Directiva 2014/67/UE no que, novamente, non se esixe que a dita persoa teña nacionalidade española de xeito que non se pode requirir como dato necesario o NIF.

Así mesmo, e á vista do artigo 9.f) da devandita directiva, tampouco é preciso que a persoa representante da empresa nos procedementos de información e consulta e de negociación estea “presente en España” senón que, tal e como especifica o artigo 5.h) da Lei 45/1999, se deben comunicar os datos dunha persoa que “poida actuar en España” en representación da empresa prestadora de servizos.

Número ditame
26