Ir o contido principal

Ditame 15/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa EMEGA para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, financiadas con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19, e se procede á súa convocatoria no ano 2022.

I. ANTECEDENTES

O día 27 de maio de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da subdirección xeral de Promoción da Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa EMEGA para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, financiadas con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19, e se procede á súa convocatoria no ano 2022.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “o programa EMEGA comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, incentivando a creación de emprego por conta propia e por conta allea para mulleres xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral”.

Esta resolución non contén diferencias significativas co respecto á resolución do ano anterior.

Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

O programa EMEGA comprende catro liñas de axuda, relacionadas no artigo 1:

1.Liña Emprende: de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

2.Liña Activa: de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade.

3.Liña ITEF: de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

4.Liña Concilia: axuda complementaria das liñas anteriores para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

O importe total do crédito para o financiamento destas axudas ascende a 4.378.563 euros (artigo 2).

O artigo 4 establece a incompatibilidade entre si das liñas Emprende, Activa e ITEF aínda que estes incentivos si serán compatibles coa axuda complementaria da liña Concilia.

Poderán ser beneficiarias destas axudas, segundo prevé o artigo 5, as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2021 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran os requisitos xerais que se relacionan neste mesmo artigo e os específicos que recollen os artigos seguintes para cada unha das liñas.

A contía dos incentivos da liña Emprende determínase en atención ao número de postos de traballo creados para mulleres e varía entre 10.000 e 22.000 euros (artigo 6). Igual criterio se ten en conta para a Liña ITEF, para a cal o artigo 8 prevé contías entre 18.000 e 42.000 euros.

Os incentivos para a liña Activa oscilan entre os 8.000 e os 17.000 euros segundo o número de postos de traballo existentes na empresa (artigo 7).

Finalmente, o artigo 9 prevé un incentivo de 3.000 ou 5.000 euros, segundo a modalidade da que se trate, para as beneficiarias da liña Concilia e recorda que esta se trata dunha axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF que só poderá concederse a aquelas empresas que resulten beneficiarias de subvención por calquera das liñas anteriormente mencionadas.

O artigo 10 fixa o prazo para a presentación das solicitudes en 1 mes desde a publicación da resolución no DOG. Pola súa banda, o artigo 18 establece un prazo de resolución de 4 meses que tamén se contaría desde a data de publicación no DOG.

O procedemento seguido será o de concorrencia competitiva e os criterios de valoración que se terán en conta figuran relacionados no artigo 17, avaliándose aspectos como o emprego xerado ou mantido, a contribución á integración laboral de mulleres pertencentes a certos colectivos, o emprego xerado ou mantido ou o feito de que a actividade empresarial se dedique á prestación de servizos de conciliación.

Pola súa banda, o artigo 22 regula o pagamento dun anticipo que poderá acadar o 80% da subvención concedida cando o seu importe total non supere os 18.000 euros. En caso de que o importe total supere esa contía, prevese ademais un pago anticipado dun 10% adicional sobre o importe que exceda dos 18.000 euros.

Finalmente, cómpre destacar unha das obriga que impón o artigo 24 ás beneficiarias destas axudas e que consiste en manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de dezaoito meses. Ademais, os plans de igualdade, acordos ou pactos de conciliación e os acordos de teletraballo deben estar vixentes, polo menos, durante o mesmo período.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da resolución que regulaban as bases e a convocatoria para o exercicio anterior, publicada no DOG o día 14 de xullo de 2021, e o ditame emitido con data 18 de xuño de 2021 (Ditame 24/2021), obsérvase que só se tivo en conta unha das consideración específicas de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2022” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos e dúas disposicións finais.

O día 9 de xuño de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT- Galicia.

DITAME 15/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2022, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de maio de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de xuño de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira
Este Comité propón que se valore a necesidade de incorporar, nas diferentes liñas de axuda recollidas nesta Resolución, iniciativas de formación profesional para o emprego, xa sexa dun xeito específico para cada unha das liñas ou ben cun carácter transversal.

Segunda
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

Terceira
Obsérvase nos artigos 11 e 21 empréganse as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Desde a Consellería de promoción do Emprego e Igualdade tense xustificado o emprego das ditas letras facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Pola súa banda, as dúas disposicións últimas deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “última” fai a Real Academia Galega. Ademais, deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

Cuarta
Este Comité valora positivamente o feito de que a Secretaría Xeral de Igualdade estea a remitir, para seren informados por este órgano, os proxectos de Resolución con incidencia en materia laboral.

Así mesmo, tamén se fai unha valoración positiva do informe no que se dá resposta ás consideracións contidas no ditame 24.21 polo completo do seu contido, toda vez que era a primeira ocasión en que se informaba desde o Comité de ditames a Resolución reguladora do Programa EMEGA.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Exposición de motivos.
No último parágrafo da exposición de motivos, faise referencia á obtención dos informes preceptivos na tramitación desta Resolución.

Este Comité considera que se deberían especificar, no texto, os órganos dos que se solicitan os ditos informes preceptivos

Segunda.- Artigo 1. Obxecto.
Este Comité considera que o contido do apartado 1 debería incluírse no último inciso recollido na exposición de motivos:
“RESOLVO: establecer as bases reguladoras da axudas do Programa EMEGA para o emprendemento feminino en Galicia e proceder á súa convocatoria no ano 2022 (código de procedemento SI429A)”.

A continuación, debería engadirse un epígrafe “BASES REGULADORAS” indicando o inicio das mesmas.

Finalmente, e en consecuencia, debería adaptarse a numeración dos apartados do artigo tras a modificación proposta no primeiro parágrafo desta consideración.

Terceira.- Artigo 5. Beneficiarias.
O apartado 1 deste precepto relaciona un elenco das formas xurídicas que poden adoitar as empresas beneficiarias. Este Comité considera que se deberían engadir, dun xeito expreso, as sociedades profesionais, reguladas na Lei 2/2007, do 15 de marzo.

Cuarta.- Artigo 6. Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos.
O apartado 1.a) deste precepto establece que o inicio da actividade económica para a cal solicita a axuda ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2021 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria.

Este Comité considera que estamos ante un prazo escaso tendo en conta, por unha banda, os tempos que se manexan xa que esta norma se está a tramitar no mes de xuño e, por outra, que hai actividades que pola súa propia natureza non procedería iniciar durante o mes de agosto.

En consecuencia, este Comité propón que se amplíe o prazo recollido neste apartado.

Formúlase a mesma consideración respecto do previsto para no artigo 8.1.a).

Quinta.- Artigo 6. Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos.
Ante o previsto no apartado 1.c) deste artigo, segundo o cal as promotoras den estar desempregadas antes no inicio da actividade laboral, este Comité considera que debería darse cabida tamén ás persoas que se atopen en situación de mellora de emprego cunha xornada inferior a un terzo.

Sexta.- Artigo 9. Concilia: obxecto, modalidades e contía dos incentivos.
A modalidade Concilia promotoras é unha axuda complementaria dirixida ás promotoras que teñan fillos ou fillas menores de tres anos, tal e como se recolle este artigo no seu apartado 2.

Este Comité considera que debería ampliarse o límite de idade fixada, polo menos hasta os 12 anos de idade.
Ademais, propoñen que se contemple dentro da conciliación o coidado de persoas maiores dependentes.

Sétima.- Artigo 9. Concilia: obxecto, modalidades e contía dos incentivos.
O apartado 3.b) deste precepto recolle unha definición do teletraballo que debería revisarse á vista do previsto na Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia.
Por exemplo, segundo este artigo, considérase teletraballo aquel en que a prestación laboral se desenvolva, como mínimo, durante dúas xornadas á semana fóra das dependencias da empresa. Pola súa banda, o artigo 1 da antedita Lei esixe, para a aplicación desta, a prestación regular do traballo a distancia que se presume nun mínimo do 30% da xornada, nun período de referencia de tres meses, ou a porcentaxe proporcional equivalente en función da duración do contrato de traballo.
Así, este Comité considera que se debería harmonizar o contido desta Resolución co contido na Lei 10/2021.

Oitava.- Artigo 18. Resolución e notificación.
Este artigo fixa en catro meses (desde a publicación da resolución) o prazo para resolver e notificar.

Este Comité considera que se trata dun prazo excesivo polo que propón que se reduza de maneira significativa.

Novena.- Artigo 23.- Obrigas das beneficiarias.
O apartado 4 deste precepto obriga ás beneficiarias a non ter pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No ditame 24.21, emitido sobre este mesmo proxecto normativo para o exercicio anterior, este Comité propoñía que se recollera a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a débeda, no caso de que non fora coñecedora da súa existencia.

Atendendo á resposta remitida pola Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade respecto da dita consideración, este Comité suxire que se reflicta no texto da Resolución o recollido na antedita resposta, na que se indica que tal posibilidade xa existe e especifica os momentos procedimentais nos que opera.


ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.
Artigo 24.- Obriga de permanencia mínima da actividade empresarial e do mantemento do emprego.
Segundo o previsto no apartado 1 deste precepto, as beneficiarias das axudas do programa Emega teñen a obriga de realizar a actividade empresarial e manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de dezaoito meses.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o período previsto de 18 meses debería ampliarse.

Número ditame
15