Ir o contido principal

Ditame 24/21

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2021.
  1. ANTECEDENTES

O día 11 de xuño de 2021 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Xefatura do Servizo de Fomento da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “o programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, incentivando a creación de emprego por conta propia e por conta allea para mulleres xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral”.

Esta resolución é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

O programa Emega comprende catro líneas de axuda, relacionadas no artigo 1:

1.Liña Emprende: de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

2.Liña Activa: de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a     consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade.

3.Liña ITEF: de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

4.Liña Concilia: axuda complementaria das liñas anteriores para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

O importe total do crédito  para o financiamento destas axudas ascende a 3.267.251 euros (artigo 2).

O artigo 4 establece a incompatibilidade entre si das liñas Emprende, Activa e ITEF aínda que estes incentivos si serán compatibles coa axuda complementaria da liña Concilia.

Poderán ser beneficiarias destas axudas, segundo prevé o artigo 5, as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran os requisitos xerais que se relacionan neste mesmo artigo e os específicos que recollen os artigos seguintes para cada unha das liñas.

A contía dos incentivos da liña Emprende determínase en atención ao número de postos de traballo creados para mulleres e varía entre 10.000 e 22.000 euros (artigo 6). Igual criterio se ten en conta para a Liña ITEF, para a cal o artigo 8 prevé contías entre 18.000 e 42.000 euros.

Os incentivos para a liña Activa oscilan entre os 8.000 e os 17.000 euros segundo o número de postos de traballo existentes na empresa (artigo 7).

Finalmente, o artigo 9 prevé un incentivo de 3.000 ou 5.000 euros, segundo a modalidade da que se trate, para as beneficiarias da liña Concilia e recorda que esta se trata dunha axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF que só poderá concederse a aquelas empresas que resulten beneficiarias de subvención por calquera das liñas anteriormente mencionadas.

O artigo 10 fixa o prazo para a presentación das solicitudes en 1 mes desde a publicación da resolución no DOG. Pola súa banda, o artigo 18 establece un prazo de resolución de 4 meses que tamén se contaría desde a data de publicación no DOG.

O procedemento seguido será o de concorrencia competitiva e os criterios de valoración que se terán en conta figuran relacionados no artigo 17, avaliándose aspectos como o emprego xerado ou mantido, a contribución á integración laboral de mulleres pertencentes a certos colectivos, o emprego xerado ou mantido ou o feito de que a actividade empresarial se dedique á prestación de servizos de conciliación.

Pola súa banda, o artigo 22 regula o pagamento dun anticipo que poderá acadar o 80% da subvención concedida cando o seu importe total non supere os 18.000 euros. En caso de que o importe total supere esa contía, prevese ademais un pago anticipado dun 10% adicional sobre o importe que exceda dos 18.000 euros.

Finalmente, cómpre destacar unha das obriga que impón o artigo 24  ás beneficiarias destas axudas e que consiste en manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de dezaoito meses. Ademais, os acordos ou pactos de conciliación e os acordos de teletraballo deben estar vixentes, polo menos, durante o mesmo período.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2021” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos e dúas finais.

O día 18 de xuño de 2021 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo I) e unha consideración específica de carácter non unánime manifestada pola CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 24/2021

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, susceptibles de ser financiadas con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de xuño de 2021, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de xuño de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Segundo exposición de motivos a prioridade de actuación consistente en apoiar o empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprendemento feminino, recóllese de forma transversal e singularizada no Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, así como no VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020.

Para este Comité a Administración Pública debe ser exemplo de dilixencia nas súas actuacións e considera que o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes debería estar xa aprobado e non en tramitación, de xeito que puidera ser aplicado ás axudas reguladas nesta resolución e non ter que ampararse ao disposto nos Plans cuxa vixencia rematou no ano 2020.

Segunda.

Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

-           Número de solicitudes presentadas

-           Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes.

-           Número de solicitudes resoltas favorablemente

-           Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Terceira.

Obsérvase nos artigos 11 e 21 empréganse as letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Desde a Consellería de Emprego e Igualdade tense xustificado o emprego das ditas letras facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Pola súa banda, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega. Ademais, deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto.

Este Comité bota en falta, entre as liñas que comprenden o Programa EMEGA, a liña INNOVA que se recollía en convocatorias anteriores e tiña por finalidade promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade en empresas constituídas por mulleres.

En consecuencia, este Comité solicita que se aclare se a dita liña INNOVA se atopa nesta nova convocatoria integrada na liña ITEF.

Segunda.- Artigo 6. Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos.

O apartado 1.a) deste precepto establece que o inicio da actividade económica para a cal solicita a axuda ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria.

Este Comité considera que estamos ante un prazo escaso tendo en conta, por unha banda, os tempos que se manexan xa que esta norma se está a tramitar no mes de xuño e, por outra, que hai actividades que pola súa propia natureza non procedería iniciar durante o mes de agosto.

En consecuencia, este Comité propón que se amplíe o prazo recollido neste apartado.

Formúlase a mesma consideración respecto do previsto para as outros liñas nos artigos 7.1.a) e 8.1.a).

Terceira.- Artigo 6. Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos.

Ante o previsto no apartado 1.c) deste artigo, segundo o cal as promotoras den estar desempregadas antes no inicio da actividade laboral, este Comité considera que debería darse cabida tamén ás persoas que se atopen en situación de mellora de emprego cunha xornada inferior a un terzo.

Cuarta.- Artigo 9. Concilia: obxecto, modalidades e contía dos incentivos.        

A modalidade Concilia promotoras é unha axuda complementaria dirixida ás promotoras que teñan fillos ou fillas menores de tres anos, tal e como se recolle este artigo no seu apartado 2.

Este Comité considera que debería ampliarse o límite de idade fixada, polo menos hasta os 12 anos de idade.

Ademais, propoñen que se contemple dentro da conciliación o coidado de persoas maiores dependentes.

Quinta.- Artigo 17. Criterios de valoración.

Este Comité considera que debería incluirse un criterio que valore a aquelas empresas que levan máis  tempo constituídas e con actividade, de xeito que a estabilidade da empresa solicitante sexa un criterio puntuable e que non soamente se outorgue puntuación a empresas de nova creación.

Sexta.- Artigo 18. Resolución e notificación.

Este artigo fixa en catro meses (desde a publicación da resolución) o prazo para resolver e notificar.

Este Comité considera que se trata dun prazo excesivo polo que propón que se reduza, polo menos, á metade.

 Sétima.- Artigo 23.- Obrigas das beneficiarias.

O apartado 4 deste precepto obriga ás beneficiarias a non ter pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a beneficiaria.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Artigo 24.- Obriga de permanencia mínima da actividade empresarial e do mantemento do emprego.

Segundo o previsto no apartado 1 deste precepto, as beneficiarias das axudas do programa Emega teñen a obriga de realizar a actividade empresarial e manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de dezaoito meses.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o período previsto de 18 meses debería ampliarse.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Artigo 5. Beneficiarias.

Segundo o apartado 3 os requisitos e condicións para seren beneficiarias deberán manterse durante o período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento dos postos de traballo, isto é, dezaoito meses.

A CEG considera que no contexto socioeconómico actual e tendo en conta, ademais, que esta resolución recolle axudas para incentivas novas iniciativas empresariais, resulta excesivo esixir o mantemento dos postos de traballo durante un período de 18 meses, polo que debería rebaixarse a 12 meses.

Formúlase a mesma consideración respecto da obriga de permanencia mínima da actividade empresarial e do mantemento do emprego que establece o artigo 24.

Por outra banda, A CEG propón que á hora de valorar este criterio se inclúa unha baremación por tramos de xeito que se outorguen diferentes puntuacións en función do tempo de mantemento dos postos de traballo.

 

Número ditame
24