Ir o contido principal

Ditame 5/24

Enviado o Mar, 23/04/2024 - 16:52
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2024

I. ANTECEDENTES

 

O día 26 de marzo de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, “O desemprego é un importante factor de vulnerabilidade das persoas, xa que un período continuado nesta situación pode dar lugar non só a exclusión do mercado laboral, senón que tamén pode supoñer un elevado risco de exclusión social das persoas pertencentes aos colectivos máis desfavorecidos.

Na actualidade resulta esencial a colaboración entre o Servizo Público de Emprego de Galicia, as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro, para mellorar a posta en marcha de accións e medidas de políticas activas de emprego para lograr unha maior empregabilidade das persoas en situación de desemprego.”

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 28 de xuño de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 8 de maio de 2023 (ditame 14/2023), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma.

 

Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Aínda que o orzamento asignado a estas axudas no artigo 2 é o mesmo que na orde publicada para o exercicio 2023, hai que ter en conta a publicación no DOG do 7 de decembro de 2023 dunha ampliación do crédito orzamentario que ampliaba o importe total do crédito en 1.580.000€.

 

Dentro dos colectivos prioritarios que relaciona o artigo 3 no seu apartado 1.B), este proxecto normativo engade o das persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por motivo de arraigo para a formación.

 

No apartado 4 do artigo 3 obsérvase o incremento do número mínimo de días de cotización na vida laboral, en todo tipo de contratos, para que se poida falar de inserción laboral aos efectos desta orde

 

En canto aos criterios de valoración recollidos no artigo 12, para as solicitudes presentadas conxuntamente por agrupación de concellos o apartado C.b) outorga ata 10 puntos en función da poboación de persoas desempregadas do ámbito territorial, reducindo a media de paro requirida para obter puntuación.

 

Polo que respecta aos gastos imputables regulados no artigo 14, a orde anterior fixaba en 15 o número máximo de persoas que se poden imputar economicamente. O novo proxecto fixa o mesmo límite, pero especificando o número máximo de persoas contratadas por conta propia como formadoras (10) e o de persoal ordinario da entidade e contratado especificamente para o programa (5).

 

Neste mesmo artigo, dentro dos gastos xerais materiais e técnicos, o apartado g) engade “outros gastos directamente relacionados co obxecto da subvención”.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2024” consta de: exposición de motivos, dezanove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 4 de abril de 2024 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e vinte e sete consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

                       

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma seguintes: dúas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia (anexo I), dez manifestadas pola CEG (Anexo II) e unha manifestada por UGT – Galicia (anexo III).

 

 

 

 

DITAME 5/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2024”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de marzo de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de abril de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS

 

Primeira.

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

Isto obsérvase, entre outros, no proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Segunda.

No artigo 1 obsérvase o emprego das barras (alumno/a) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios, polo que se propón a súa corrección.

 

As disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2024. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Ademais, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Tamén se observa que o longo do texto empréganse as letras j e k na clasificación nos artigos 3,15 e 19, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

 

Primeira.- Artigo 1. Obxecto.

O apartado 2.b) deste artigo limita a posibilidade da subcontratación ao 30% do custo final da actividade subvencionada.  Tendo en conta que as entidades beneficiarias son, entidades sen ánimo de lucro que necesitan subcontratar as actuacións formativas para poder levalas a cabo este Comité propón aumentar a porcentaxe de subcontratación ao 50%, tal como se fixo nos últimos anos, coa excepción da convocatoria anterior na que xa se aplicou o límite do 30%. Este incremento é necesario debido a que a maioría das persoas destinatarias da actividade desexan recibir formación especializada, que as entidades na maioría dos casos non teñen certificada. É importante sinalar que a formación solicitada polos usuarios adoita ser altamente técnica e require instalacións e recursos que as entidades non posúen.

 

Segunda.- Artigo 1. Obxecto.

A mellora da ocupabilidade e a inserción laboral é o fin último dos programas integrados, para o que a formación constitúe unha ferramenta obrigatoria e necesaria.

 

Este Comité considera que a obriga de realizar prácticas non laborais para quince persoas implica unha dificultade engadida e xera inseguridade xurídica ás entidades e ás empresas, polo que debería eliminarse e preverse como unha opción.

 

Terceira.- Artigo 2. Financiamento.

Obsérvase que o crédito asignado a estas axudas é o mesmo que o previsto inicialmente na orde anterior se ben, a través da Orde publicada no DOG nº 232, do 7 de decembro de 2023, a dita contía se incrementou en 1.580.000€.

 

Así, este Comité considera que se debería incrementar a dotación inicial prevista para o exercicio de 2024 permitindo deste xeito ampliar o número de proxectos a aprobar.

 

Cuarta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

No apartado 1 deste artigo establécese que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 35 por cento.

 

Este Comité considera que debería flexibilizarse esa esixencia en función dos colectivos destinatarios e dos resultados de inserción acadados en convocatorias anteriores.

 

Quinta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

O apartado 1 establece o número de persoas a atender en 100.

 

Este Comité considera que, atendendo á dispersión territorial de Galicia e á realidade do desemprego, procede acollerse á excepcionalidade previstas en normativas de anos anteriores e establecer un número de persoas a atender que sexa inferior a 100 e superior a 60.

 

Sexta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

Este Comité entende que non se debería impedir a participación simultánea noutras medidas activas de emprego, sempre que os horarios das mesmas sexan compatibles, xa que esta previsión limita as posibilidades de inserción das persoas participantes.

 

Sétima.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de que varias entidades sen ánimo de lucro poidan colaborar entre si e presentar un plan integrado conxuntamente, igual que fan os concellos coas súas agrupacións.

 

Oitava.- 12. Criterios de valoración dos programas.

En referencia ao apartado 1 do artigo 12, chama a atención o diferencial da puntuación entre colectivos, especialmente no grupo A con respecto ao B (3 puntos de diferencial cando na anterior regulación eran 2).

 

Entendendo que todos os colectivos teñen dificultades de inserción laboral, propoñemos que se manteña o mesmo diferencial que en convocatorias anteriores en relación á puntuación, no suposto de que todas as persoas usuarias do programas pertenzan a colectivos salientados nun mesmo grupo.

 

 

 

Novena.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O comité considera que no punto  1. A. a, no apartado que se refire ao grupo A, debería introducirse as persoas maiores de 52 anos.

 

Décima.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado 1.c.2 valora con ata 4 puntos a calidade das instalacións, medios e sistemas propios da entidade para o desenvolvemento do programa, pero exclúe os recursos en réxime de aluguer.

 

Este Comité non comparte esta exclusión e propón que se suprima, xa que os recursos están a disposición da entidade independentemente de que sexan alugados ou non.

 

Décima primeira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O comité considera que no compromiso de inserción incluído na letra d) deste artigo, debería incorporarse unha puntuación que valore a inserción de mulleres en profesións con infrarrepresentación feminina e outra que valore a inserción a través do emprendemento feminino.

 

Décima segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

En relación co criterio de valoración especificado no apartado 1.d) deste artigo, obsérvase que en exercicios anteriores reduciuse o peso deste criterio na puntuación total (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pasouse a 15 sobre 150 en 2017 e a 5 de 130 en 2018. No proxecto para o ano 2019, 2020 e 2021 era 5 de 70, de 7 para o 2022 e de 6 para 2023, igual que para o 2024).

 

Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime se ten en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.

 

Décima terceira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

Dada a natureza dos programas e respecto do apartado 1.e) deste artigo, este Comité considera que non se debería valorar o cofinanciamento  que fan as entidades solicitantes, xa que o que están a facer é unha colaboración co servizo público.

 

Décima cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado 1.f) establece que “A experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia: ata un máximo de 5 puntos se a valoración é positiva e ata -5 se é negativa.”.

 

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “valoración negativa”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.f) deste artigo.

 

Décima quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na realización das actividades.

 

Este comité delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciación do emprego do galego.

 

Décima sexta.- Artigo 13. Contía das subvencións.

Este Comité considera que se debería incrementar a contía máxima da subvención que recolle este artigo, tendo en conta ademais o incremento na anterior convocatoria da contía da bolsa de asistencia, prevista no artigo 14.1.d, cuxo pagamento asume a entidade.

 

Décima sétima.- Artigo 14. Gastos imputables.

O artigo 14.1.a), parágrafo 2, establece que a contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, sen superar os 35.000 euros por persoa traballadora para unha dedicación laboral do 100% ao programa a xornada completa e correspondente a 14 pagas.

 

O comité considera insuficiente o importe da contía máxima subvencionable  e solicita que sexa revisada adecuándose, como mínimo, ó IPC. De non ser o caso deberíase permitir que todo custo salarial recoñecido por convenio ou pacto por grupo profesional da entidade beneficiaria puidese formar parte do cofinanciamento esixido á entidade  beneficiaria.

 

Décima oitava.- Artigo 14. Gastos imputables.

Respecto ao dereito das persoas demandantes que participen no programa de percibir unha bolsa de asistencia, segundo establece o apartado 1.d) deste artigo, este Comité considera que se debería clarificar se está previsto unicamente para aquelas actividades que requiran a presencia física do usuario.

 

Décima novena.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado 1.b) limita o número de persoas que se poden imputar economicamente a 10.

 

Este Comité propón eliminar a limitación do número de persoas e recuperar a redacción de ordes anteriores, porque o menor número de persoas non implica unha maior calidade na formación impartida nin na execución do conxunto do programa.

 

Vixésima.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado 1.e) regula os gastos de subcontratación e fixa un 30% do custo total como límite da actividade formativa que poder ser obxecto de subcontratación.

 

Este Comité considera que este apartado debería acollerse ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal: “O beneficiario poderá subcontratar ata unha porcentaxe que non sobrepase o 50% do importe da actividade subvencionada”, xa que a limitación da subcontratación non mellora a calidade do programa integrado de emprego.

 

Vixésima primeira.- Artigo 14. Gastos imputables.

Dentro dos gastos xerais considéranse imputables os gastos de arrendamento, pero exclúese o leasing.

Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que se xustifique, xa que o leasing, como o seu propio nome indica, é un arrendamento e non unha adquisición que, ademais, permite a imputación do gasto efectivamente dedicado a cada acción.

 

Vixésima segunda.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado 1.h fixa en 2.500€ o importe máximo  subvencionable para os gastos derivados do informe da persoa auditora da conta xustificativa.

 

Tendo en conta que esta contía leva varios exercicios sen ser actualizada, este Comité considera que procede actualización da mesma conforme ao IPC.

 

Vixésima terceira.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.

Procede revisar os prazos establecidos neste artigo, xa que fan referencia aos prazos previstos na convocatoria para o exercicio de 2023.

Así, por exemplo, o apartado 2 fixa o prazo límite para presentar a xustificación o 31 de marzo de 2024. Esta mesma data prevé o apartado 3 como límite para solicitar un segundo anticipo da subvención.

 

Vixésima cuarta.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.

Neste artigo se establece entre outras cuestións que: “o anticipo abonado deberá ser xustificado con gastos realizados no primeiro exercicio do programa. Se o importe xustificado fose inferior ao anticipo percibido esa diferenza restarase do importe para abonar con cargo á segunda anualidade”.

 

O comité entende que o anticipo non debe estar condicionado á xustificación dos gastos realizados no primeiro exercicio do programa, tal e como sucedía en convocatorias anteriores, xa que este primeiro exercicio do programa adoita ter unha duración moi curta onde practicamente a única actividade que se realiza é a selección de participantes e por tanto é dificultoso xustificar máis gasto que o derivado da devandita actividade. De non ser así, producirase unha perda da maior parte da axuda prevista para o primeiro exercicio, que repercutirá en prexuízo directo das persoas desempregadas participantes no programa xa que as accións e actuacións a realizar no programa veranse reducidas na devandita perda.

 

Vixésima quinta.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.

Os apartados 2 e 3 deste artigo establecen que a entidade beneficiaria poderá solicitar, en concepto de anticipo, un pagamento do 25 % do importe total da subvención sempre que esa cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2024; e un segundo anticipo do 15 % do importe total da subvención con cargo á segunda anualidade da subvención concedida.

 

Este Comité propón que se incremente a porcentaxe do primeiro anticipo, como mínimo, ao 30% do importe total da subvención concedida e a porcentaxe do segundo anticipo, como mínimo, ao 20% do importe total da subvención concedida.

 

Vixésima sexta.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.

O comité solicita que de non poder executar o 25% (30% de estimarse a consideración anterior) do importe do total da subvención na primeira anualidade, que a parte non executada dese 25% sexa trasladada a recursos para a vindeira anualidade.

Esta petición xustifícase en que a primeira anualidade soe dedicarse á preparación da execución polo que non sempre é posible executar o 25% (30% de estimarse a consideración anterior) do importe da subvención.

 

Vixésima sétima.- Artigo 18. Seguimento das accións.

Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluírse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA e SN DE CCOO DE GALICIA.

 

 

Primeira.- Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, vén sendo reprodución doutras anteriores.

 

Segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

En relación coa consideración específica unánime décima sexta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde  non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

 

Primeira.- Artigo 1. Obxecto.

Este artigo establece que o custo subvencionado por formación, naquelas especialidades ou actividades formativas que carezan de módulos económicos específicos, non poderá exceder do tope máximo de 8 euros/alumno por hora de formación presencial ou 5 euros/alumno por hora de formación a distancia ou teleformación.

 

A CEG considera estes importes insuficientes para atender na actualidade a prezo de mercado o custo de execución coa debida calidade as accións formativas obxecto dos programas, polo que se propón a súa actualización a prezos reais, que permitan o seu normal desenvolvemento cos estándares axeitados, que contribúan a acadar os obxectivos do Programa.

 

Segunda.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

O apartado 4 deste artigo establece que se entenderá por inserción laboral, aos efectos desta orde, o feito de que as persoas inicien durante un prazo dos 12 meses de execución do programa ou dentro dos tres meses seguintes unha actividade por conta propia ou formando parte dunha cooperativa ou sociedade laboral.

 

No caso da contratación por conta allea ese prazo limítase aos 12 meses de execución do programa, polo que este Comité propón que tamén se inclúan estes supostos cando acontezan nos tres meses inmediatamente posteriores, independentemente da natureza xurídica da actividade que vaian a realizar.

 

Terceira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.

A CEG non considera que sexa recomendable o estender en 10 días a situación de afiliación con respecto a convocatorias anteriores para contar como inserción laboral pois a verdadeira importancia radica en lograr a entrada dos usuarios no mercado laboral. 

 

Cuarta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.

O apartado 5.b) establece que non computará como inserción laboral a contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

 

Tendo en consideración os fins de inserción laboral perseguidos pola Orde, debería ser indiferente que a entidade contratante sexa unha distinta ou a mesma que teña levado a cabo o programa de emprego e que contrate laboralmente a unha das persoas atendidas.

 

Por este motivo, a CEG considera que debería eliminarse esta exclusión ou, subsidiariamente, establecer algún límite cuantitativo, ao ter en conta ademais que, de acordo co art. 4, as entidades beneficiarias deben reunir a condición de ser entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

 

Quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

Relacionado co artigo 1.h), a CEG estima que debe reducirse o peso das horas de catálogo, xa que se outorga unha puntuación de 4 puntos a aqueles proxectos que inclúan máis de 325 horas de catálogo, e iso redunda na maior valoración dunha formación pechada. Proponse reducir ese peso e incluír horas de formación aberta á carta, orientada ás necesidades do alumnado, unha vez iniciado o proxecto, xa que isto permitiría detectar as necesidades das persoas participantes e desenvolver unha formación adecuada ás devanditas necesidades.

 

Sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.

O apartado h) valora, con ata 10 puntos, o carácter innovador do programa.

 

Segundo a CEG, a existencia de medidas de conciliación laboral e familiar ou a impartición de formación do catálogo de especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal, non son factores innovadores en si mesmos, polo que deberían estar noutro apartado.

 

Sétima.- Artigo 12 Criterios de Valoración dos programas.

Respecto da realización de prácticas profesionais non laborais, vinculadas ás formacións, considérase que a esixencia da súa realización con máis de 30 persoas como requisito para ter a puntuación máxima (3 puntos), é dificultoso. Debería establecerse un número inferior.

 

Oitava.-  Artigo 14. Gastos imputables.

Segundo o apartado 1.a) deste precepto: “no suposto de imputación de gastos correspondentes a presidentes, directores xerais,  xerentes ou similares non se poderá superar o 30% dos seus gastos salariais e de seguridade social”.

 

A CEG considera que o dito límite debería eliminarse, excepto para presidentes,  sempre que a persoa que se impute acredite fehacientemente o traballo realizado no marco de actuación destes proxectos, tanto máis se atendemos á realidade da gran maioría das entidades sen ánimo de lucro, con persoal altamente cualificado e persoal xerente que realiza labores de apoio e captación de empresas con interese en contratar.

 

Novena.- Artigo 14. Gastos imputables.

O apartado d) deste artigo establece o dereito das persoas que participen no programa integrado de emprego a percibir unha bolsa de 10 euros por día de asistencia as accións do programa.

 

A CEG considera que dita obriga debería substituírse pola previsión de que o dito importe sexa abonado directamente pola Consellería ou, no seu defecto,  sexa abonado integramente como anticipo ás entidades executoras para non agravar as súas finanzas.

 

Décima.- Artigo 18. Seguimento das accións.

Segundo o apartado 2 deste precepto: “transcorridos nove meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos programas comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención esixíndose, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte”.

 

Esta obriga coloca á entidade executante do programa integrado de emprego nunha situación de total inseguridade ao non recoller ningún tipo de salvidade respecto a posibles terminacións da relación laboral por causas totalmente alleas á entidade, sobre todo cando a duración das insercións solicitadas se incrementan tanto como se pretende no artigo 3, mencionado xa na consideración específica primeira deste anexo.

 

Polo exposto, a CEG considera que se debería introducir algunha salvidade que recolla esa circunstancia. Así, debería preverse o suposto das persoas formadas e insertadas que causen baixen de xeito voluntario por motivos alleos e non imputables á entidade contratante, de xeito que non se teñan en conta para os efectos deste apartado.

 

 

 

ANEXO III

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT - GALICIA

 

Artigo 1. Obxecto.

UGT – Galicia considera que se deberían retomar, como obxecto das axudas previstas nesta orde, os certificados de profesionalidade.

Dado que o obxectivo do programa integrado de emprego é realizar itinerarios personalizados de inserción, a obtención dun certificado de profesionalidade facilitaría a consecución da finalidade dos itinerarios, tanto formación como emprego. Así mesmo, dado que un dos colectivos máis puntuados é a mocidade, as persoas menores de 30 anos, de baixa cualificación é imprescindible ofrecer cualificación dentro do programa, no só formación continuada.

Número ditame
5