Ir o contido principal

Ditame 29/19

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2020 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2020 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A lei Orgánica 5/2002 do 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional, ten como finalidade a creación dun Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Un dos fins deste Sistema Nacional é avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional calquera que fose a forma da súa adquisición.

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais. En Galicia, asígnase a xestión do procedemento ao Instituto Galego das Cualificacións

Vistos o borrador agora remitido, o texto das dúas convocatorias da mesma orde para o exercicio de 2019 publicadas, respectivamente, no DOG do día 12 de decembro de 2018 e do 21 de xaneiro de 2020, así como os ditames emitidos polo Consello con data 17 de outubro de 2018 (Ditame 31/2018) e 10 de decembro de 2018 (Ditame 43/2018), obsérvase que se tiveron en conta dúas consideracións de carácter formal das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Obsérvase unha diminución do número de prazas nalgunhas clasificacións profesionais, por exemplo en socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas, xa que ambos casos se pasa de 225 prazas a 220. Tamén se suprimen cualificacións como tanatopraxia e se engaden algunhas novas, como vixilancia e seguridade privada (artigo 1).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2020 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

O día 18 de outubro de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello.

DITAME 29/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2020 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de outubro de 2019, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de outubro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 5. Puntos de información.
Este Comité considera que se debería dar maior difusión a este procedemento de xeito que os servizos de información e orientación non se circunscriban aos puntos de información relacionados neste artigo, senón que se faga chegar a todas as entidades sen ánimo de lucro, organizacións colaboradoras e, en xeral, ás entidades interesadas.

Segunda.- Artigo 11. Prazo de inscrición no procedemento.
Este precepto fixa un prazo de inscrición de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Este Comité considera que o devandito prazo debería aumentarse a 30 días hábiles, debido á complexidade do procedemento e co fin de darlle máis difusión e facelo accesible a todas as persoas interesadas.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.
Respecto das operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería incrementar en maior medida o número de prazas convocadas nesta cualificación profesional para adaptarse á demanda existente.

Segunda.- Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a inscrición do procedemento.
No apartado 1.e).1º,1.2 esíxese, ás persoas traballadoras asalariadas, copia compulsada do contrato de traballo ou da certificación da empresa onde adquirisen a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, especificando claramente as actividades desenvolvidas.

Por outra banda, no apartado 1.e). 2º, 2.2 esíxese, ás persoas traballadoras autónomas, unha descrición da actividade desenvolvida.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que, para equiparalas coas persoas autónomas, debería dárselle ás persoas traballadoras asalariadas a posibilidade de que, a falta da certificación esixida, poidan presentar unha declaración responsable na que describan as actividades que desenvolveron.

Número ditame
29