Ir o contido principal

Ditame 24/20

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:08
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I MICROEMPRESAS de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia mais afectadas pola COVID 19 e do Programa II HOSTALERÍA de apoio ao sector da hostalería, e se procede á súa convocatoria para 2020.

I. ANTECEDENTES

 

O día 20 de novembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I MICROEMPRESAS de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia mais afectadas pola COVID 19 e do Programa II HOSTALERÍA de apoio ao sector da hostalería, e se procede á súa convocatoria para 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

Segundo a exposición de motivos, “a situación xerada pola evolución da COVID-19 trouxo como consecuencia que moitas microempresas e persoas traballadoras con persoal contratado ao seu cargo pertencen aos sectores mais afectados pola COVID-19 e estiveron ou están afectados por un ERTE dende a declaración do estado de alarma.

Esta orde regula dous programas de axudas que teñen por obxecto, por unha banda, apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia que desenvolven a súa actividade económica nos sectores mais afectados pola COVID 19 e estiveran ou estean afectados por un ERTE dende a declaración do estado de alarma. Por outra banda, procuran dar apoio ao sector da hostalería cuxos negocios quedaron afectado polos peches regulados na normativa ditada polas autoridades sanitarias”.

 

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destaca o seguinte:

 

En canto ao crédito orzamentario (artigo 6) establécese unha contía de 37.000.000 € para as anualidades 2020 e 2021 para o Programa I (microempresas) e de 17.000.000 € en 2020 para o Programa II (hostalería).

 

O artigo 8 establece que, dada a natureza extraordinaria das actuacións subvencionables, autorízase a que mediante declaración responsable as persoas ou entidades solicitantes poidan, a efectos desta axuda, declarar que non ten débedas coa administración pública da Comunidade autónoma, administración do Estado e coa Seguridade Social.

 

O procedemento de concesión será o de concorrencia non competitiva, tal e como establece o artigo 11, e a concesión das axudas realizarase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados nesta orde ata o esgotamento do crédito.

 

O Capítulo II regula o Progama I (microempresas).

Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica e excepcionalmente as pemes sempre desenvolven a súa actividade económica nos sectores especialmente paralizados sempre que, entre outros requisitos que recolle o artigo 17, a súa facturación baixara alo menos o 45% no ano 2020.

 

Este mesmo artigo relaciona as actividades e negocios que se considerarán como actividade especialmente paralizada aos afectos desta orde que inclúe, en todo caso, o lecer nocturno.

 

O artigo 18 fixa a contías das axudas; con carácter xeral será de 4.000€.

No suposto de actividades especialmente paralizadas, a contía ascende a 5.000€.

En ambos casos, a axuda abonarase en dous pagamentos correspondentes cada un á metade da contía, un en cada anualidade (2020 e 2021).

 

O Capítulo III regula o programa II (hostalería).

Poderán beneficiarse das axudas previstas neste programa as persoas traballadoras autónomas persoa física ou  con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas e pemes do sector de hostalería. O artigo  31 recolle os requisitos que deben reunir os aloxamentos para poder consideralos dentro do sector da hostalería.

 

O importe da axuda será de 1.500€ por mes de paralización de actividade cun mínimo de dúas semanas, en cuxo caso procedería unha contía proporcional (artigo 32). No caso de persoas ou entidades que ocupen a 10 ou máis persoas traballadoras, a contía será de 2.000€ nas mesmas condicións.

 

No caso de ambos programas, o prazo para presentar as solicitudes é dun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación da orde no DOG (artigos 21 e 35, respectivamente).

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I MICROEMPRESAS de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia mais afectadas pola COVID 19 e do Programa II HOSTALERÍA de apoio ao sector da hostalería, e se procede á súa convocatoria para 2020” consta de: Exposición de motivos, corenta e dous artigos, unha disposición adicional e  dúas finais.

 

O día 23 de novembro de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e unha consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e dúas específicas manifestadas pola organización empresarial CEG (Anexo II).

 

 

 

 

 

 

 

DITAME 24/2020

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I MICROEMPRESAS de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia mais afectadas pola COVID 19 e do Programa II HOSTALERÍA de apoio ao sector da hostalería, e se procede á súa convocatoria para 2020, da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de novembro de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de novembro de 2020, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

No texto emprégase o masculino xenérico ( por exemplo os títulos dos artigos 17 e 31 “Beneficiarios” cando, ademais, se fala a continuación das persoas ou entidades beneficiarias) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

 

No proxecto figura unha disposición adicional que debería denominarse “Disposición adicional única”.

Por outra banda, obsérvase que as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Artigo 15. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

O apartado 2 deste precepto establece que “procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o seu reintegro no suposto de non estar ao  corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención”.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

 

O mesmo se formula respecto dos artigos 22 e 36.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

 

Capítulo III. Programa II. Hostalería.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité destacan o feito de que as axudas reguladas neste programa non conlevan obrigas para as persoas ou entidades beneficiarias, ao contrario que sucede tanto no programa I deste mesmo proxecto como nas axudas reguladas na Orde que recolle o Programa de rescate de persoas traballadoras autónomas.

 

Así, consideran que debería introducirse no articulado do dito capítulo III a obriga de que as beneficiarias destas axudas manteñan a actividade e o emprego durante un mínimo de 2 meses, a contar desde a publicación desta orde.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 3. Subvención baixo a condición de minimis.

As axudas que poidan recibir as persoas traballadoras autónomas en virtude desta orde, quedarán suxeitas ao réxime de mínimis. Isto supón un hándicap importante, xa que as empresas que percibiran financiación durante os últimos tres exercicios, poden ver que non é posible solicitar estas axudas, que ao noso modo de ver non distorsionan a competencia, senón simplemente pretenden contribuír á mitigación dos efectos da paralización de actividade de profesionais autónomos.

 

Por elo, a CEG considera que non deberían incorporarse a dito réxime de mínimis e buscar algunha outra fórmula que as faga compatibles con outras axudas si sometidas a mínimis que puideran terse recibido, por exemplo, optando polo réxime común de notificación de axudas.

 

Segunda.- Artigo 15. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, respecto á esixencia do mantemento do emprego, sería axeitado ter en conta os parágrafos 3 e 4 que incorpora a Disposición Adicional sexta do Real Decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19, en relación a que o dito compromiso se valore tendo en conta determinadas cuestións, recollidas nesa disposición:

 

-Por unha banda,  as características específicas dos distintos sectores e a normativa laboral aplicable tendo en conta en particular, as especificidades daquelas empresas que presenten unha alta variabilidade ou estacionalidade do emprego.

 

-Pola outra, sen que se aplique o compromiso de mantemento do emprego naquelas empresas nas que concorra un risco de concurso de acredores nos termos do artigo 52. Da lei 22/2003, de 9 de xullo, concursal.

Número ditame
24