Ir o contido principal

Ditame 41/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Impacto Autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2023

I. ANTECEDENTES

O día 22 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Impacto Autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “débese ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar a actividade económica e apoiar ás persoas traballadoras autónomas como axentes dinamizadores da economía na comunidade autónoma. A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir. Estas empresas son vitais para o mantemento do emprego e a dinamización económica de Galicia e esta debe ser unha prioridade fundamental”.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

Esta orde ten por obxecto, segundo o artigo 1, convocar as axudas dirixidas a minimizar o impacto da suba dos custos en materias primas e dos subministros, que afectan e condicionan a actividade económica das persoas autónomas e das microempresas.

En canto ao orzamento asignado a estas axudas, o artigo 5 fíxao en 30.000.000€.

No artigo 6 establécese quen poden ser beneficiarias destas axudas, especificando no artigo 7 os requisitos que deben reunir.

Polo que respecta ás contías das axudas, o artigo 8 prevé diferentes importes (entre 800 e 1.500€) en función en función do réxime de tributación, o rendementos ou a facturación.
Ademais, este artigo prevé determinados supostos en que procede reducir eses importes ao 50%.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación da orde (artigo 10), igual que o prazo de resolución e notificación que contará desde a presentación da solicitude (artigo 18).

Prevese que estas axudas se tramiten a través dun procedemento de non concorrencia (artigo 14).

O artigo 20 relaciona as obrigas das persoas beneficiarias, incluíndo a de manter a actividade económica durante un período mínimo de 6 meses.

Pola súa banda, o artigo 23 prevé que as axudas recollidas nesta orde sexan compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Impacto Autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e catro artigos, unha disposición adicional e dúas finais.

O día 9 de decembro de 2022 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como Anexo, unha consideración non unánimes específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CCOO de Galicia e UGT-Galicia.

DITAME 41/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Impacto Autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de novembro de 2022, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 17 e 20.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Desde a Consellería, nas respostas a esta consideración en varios ditames, vense facendio referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Pola súa banda, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega e, ademais, deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
No apartado 5 fálase da condición de beneficiarias de persoas ou entidades. Pola súa banda, o artigo 7 leva por título “Requisitos específicos das persoas e entidades beneficiaras”.

Á vista disto, este Comité propón modificar o título do artigo 6 para que figure “Persoas e entidades beneficiarias”.

Obsérvase o mesmo respecto do artigo 20, titulado “obrigas das persoas beneficiarias”.

Segunda.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
Entre os requisitos previstos neste artigo, esíxese que a persoa autónoma tivera uns rendementos netos mínimos de actividades económicas de 10.000€.
Á vista do disposto na Exposición de Motivos, este Comité considera que se debería xustificar a fixación desa contía mínima que pode deixar fóra das axudas a moitas persoas autónomas.

Terceira.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 3 deste artigo inclúe, entre as beneficiarias, ás microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís.

Este Comité entende que, con esta previsión, tería cabida toda forma societaria, pero considérase que procede clarificar a redacción para que conste dun xeito máis taxativo.

O mesmo se observa respecto do artigo 7.1.ítem 4º.

Cuarta.- Artigo 7. Requisitos específicos das persoas e entidades beneficiarias.
Este artigo fai referencia ao modelo de solicitude recollido no Anexo I e que inclúe unha declaración responsable onde se manifestará, entre outros aspectos, o CNAE e o IAE da actividade pola cal se solicita a axuda.

Este Comité entende que é necesario clarificar a procedencia desta especificación, tendo en conta que a concesión da axuda non está vinculada á actividade concreta.

Quinta.- Artigo 8. Axudas.
O segundo parágrafo do apartado 2 prevé unha redución do 50% do importe da axuda no caso de persoas autónomas de tempada.

Este Comité considera que se trata dunha porcentaxe excesiva que debería reducirse, posto que o período de actividade pode ser bastante amplo en algúns casos.

Sexta.- Artigo 10. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes.
Este Comité considera escaso o prazo dun mes que fixa este artigo para presentar as solicitudes, tendo en conta o tipo de solicitantes aos que se dirixen estas axudas, polo que se propón a súa ampliación.

Sétima.- Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado 1.c) deste precepto establece, entre as obrigas das beneficiarias, non ter pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar esa débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Oitava.- Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias.
Respecto da obriga prevista no apartado 1.c), este Comité considera que, en atención ás destinatarias da axudas, debería concederse un período para que poidan poñerse ao corrente da dita obriga recibindo, mentres tanto, a axuda que lles poida corresponder, articulando unha devolución da mesma para o suposto en que no se chegue a dar cumprimento as obrigas no prazo concedido ao efecto.

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias.
Entre as obrigas recollidas no apartado 1 deste artigo, o subapartado a) esixe manter a actividade económica e a alta no RETA durante un tempo mínimo de 6 meses desde a publicación no DOG desta convocatoria.

As organizacións sindicais consideran que a existencia de diferentes períodos esixidos neste senso, nas diversas ordes de axudas tramitadas por esta Consellería, dificulta a xestión por parte das persoas e entidades beneficiarias que concorren a diferentes liñas que resultan incompatibles entre si, entendendo que debería harmonizarse o período de esixencia en todas as axudas.

Número ditame
41